O Concello de Vilaboa transformará o antigo local do Picho nun centro social e de maiores
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilaboa recorre ao PON2030, o novo programa da Deputación que permite aos Concellos financiar a recuperación de edificios municipais, para facer unha restauración integral da antiga escola unitaria do Picho e que tamén acolleu no pasado as oficinas da escola-taller de emprego. O Concello ten listo xa o anteproxecto do que será o Centro Social e de Maiores de Vilaboa.
Trátase dun edificio de dúas plantas situado nunha parcela de titularidade municipal cunha superficie de 863 metros cadrados no que se atopa tamén outra edificación auxiliar; todo iso en mal estado de conservación debido ao desuso.
A memoria descritiva deste proxecto para Vilaboa contempla unha actuación de acondicionamento combinada cunha reforma estrutural substancial que pasa pola demolición dunha das fachadas e a apertura de grandes ventás ata o chan, entre outros moitos cambios interiores na distribución do edificio, garantindo a accesibilidade universal e a eliminación de barreiras arquitectónicas.
Contempla tamén o acondicionamento de espazos exteriores como xardíns e zona de esparexemento ao aire libre.
Unha actuación que supera os 593.000 euros de investimento para recuperar uns edificios que o Concello destinará a uso sociosanitario, un servizo esencial tendo en contra o índice de envellecemento da poboación no municipio, tanto para que as persoas maiores teñan en Vilaboa unhas instalacións adecuadas que cubran as súas necesidades asistencias como para que as súas familias teñan un centro de día como alternativa para os coidados dos maiores que lles facilitaría a conciliación.
Relacionadas:
-
Adxudicada por medio millón de euros a rehabilitación do futuro centro social e de maiores do Picho
Por Redacción |
-
Vilaboa xa ten os cartos para converter a escola do Picho nun centro de maiores
Por Redacción |
-
Impulso á conversión da antiga escola do Picho nun centro de maiores
Por Redacción |
-
Nova imaxe para o lavadoiro de Pousada con reforma e eliminación da simboloxía franquista
Por Redacción |
-
Unanimidade na Corporación provincial para sacar adiante o Plan Pon2030
Por Oskar Viéitez |