Meiro celebra unha nova edición da súa degustación do millo corvo
Por Redacción
A Asociación Cultural de Meiro e o Concello de Bueu traen un ano máis unha das súas actividades estrela: o XXIII Encontro-Degustación do Millo Corvo, que se celebrará do 14 ao 16 de abril no lugar de Meiro.
O evento, nomeado Festa de Interese Turístico de Galicia, encherá a aldea bueuesa de degustacións, charlas divulgativas, obradoiros e actuacións musicais, co obxectivo de dar a coñecer este produto tan típico e con tanta tradición na zona.
Este venres, no salón de plenos da Casa Consistorial, presentouse a programación desta festa da man do Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Victoria Martínez, presidenta da Asociación Cultural de Meiro e outras persoas integrantes deste colectivo.
Durante acto, o alcalde destacou que esta festa é "unha fusión perfecta entre o pasado e o presente, na que se transmiten as tradicións e se revalorizan", polo que "é un momento ideal para compartir experiencias entre as persoas, como se fai nas aldeas".
Pola súa banda, a edil de turismo destacou o traballo feito pola Asociación para recuperar esta festa, mentres que Victoria Martínez salientou que "todos os anos buscamos que haxa novidades nas actividades, polo que a festa é tamén unha oportunidade para coñecer outras experiencias e proxectos relacionados sempre coa terra".
O programa arrincará o venres 14 de abril coa tradicional Muiñada, que se celebrará ás 18:00 horas nos Muíños do Canudo, no que este ano participará o alumnado do IES Monte da Vila O Grove, e pola noite elaborarase e degustarase unha brebaxe especial.
Xa o sábado, ás 11.30 horas abrirase a Ecotaberna no recinto da Morada, onde haberá produtos elaborados con millo corvo, como pan, empanadas, ovos con chourizo, e sobremesas como pastas ou bica, ademais dunha cervexa artesá, que se estreou na edición pasada. Ese día ás 12:00 horas haberá unha charla de Julio Ignacio Iglesias, alcalde do municipio de Ares e na que tamén participarán Celsa Formoso e Rogelio Pérez, directivos da Asociación Amigos do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro. A mestra cervexeira Marta Galán guiará a presentación e degustación da cervexa elaborada a partir de Millo Corvo e pecharase a mañá cunha actuación musical.
Pola tarde, Xulia Bande fará unha presentación e degustación de viños de autora ás 17:00 horas, e a continuación desenvolverase un obradoiro con Aurora Calviño arredor dos alimentos fermentados e como elaborar a fermentación da col. A tarde completarase con xogos tradicionais da man da Asociación Amodiño; unha charla de Andrés Reboreda, membro da Asociación e Mai de ecoloxía circular, quen falará sobre a rexeneración de augas residuais con microorganismos do monte; e a actuación musical coa voz da recoñecida artista galega Uxía Senlle.
A festa continuará o domingo dende as 11:00 horas cunha andaina pola zona a cargo d' A Illa dos Ratos para, a continuación, desfrutar do encontro e celebración das "Amas da Terra", no que intervirán Lucía Freitas, cociñeira con Estrela Michelín, Marta Álvarez, gandeira e fundadora da Granxa Maruxa, Victoria Martínez, eco agricultora de Slow Food e promotora do Millo Corvo, e Xavier Castro, experto en Historia da Alimentación de Galiza, no que tamén se contará coa degustación dun petisco de cociña creativa elaborado con Millo Corvo a cargo de Lucía Freitas; e pechará a mañá a actuación de Tumba e Dalle.
Pola tarde haberá unha presentación do Ecomuseo Latente, unha charla da bióloga Sara González sobre o Antropoceno e os cambios ambientais das últimas décadas e a actuación infantil e familiar "C@nto contigo" con Paco Nogueiras, e actuación das pandereteiras Cinco en Zocas.
Para o público familiar, os dous días poderase aprender con diversos obradoiros demostrativos, entre os que destacan o posto de artesanía con madeira da Asociación Juan XXIII de Cangas, os xogos tradicionais con Amodiño, a artesanía en Follaco con Lino de Bon, artesanía con Alcacén de centeo, cestería e sombreiros con Carmen Recimil, ou a proxección do documental "Rexurdir do Millo Corvo. Testemuña dunha tradición".