O persoal desconvoca un día de folga en H&M tras confirmar a empresa que actualizará salarios e pagará atrasos
Por Redacción
As traballadoras das tendas de H&M en Pontevedra e Vigo decidiron desconvocar un dos dous días de folga anunciados onte unha vez que a empresa confirmou que cumprirá o convenio colectivo e actualizará os salarios e os pluses e abonará os atrasos pendentes.
Deste xeito, o paro e as mobilizacións previstas para este sábado 1 non se van celebrar, aínda que manteñen a xornada de folga do vindeiro día 8 á espera de que se apliquen os incrementos de soldo e se aumenten as xornadas a 40 horas semanais.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, a dirección da transnacional sueca anunciou tamén que abonará os 200 euros da bolsa de vacacións por collelas fóra do verán, mais queda pendente aumentar as xornadas a 40 horas como recolle o convenio, que obriga a ter un 75% de contratos a tempo completo.
"Por iso se decidiu manter a convocatoria do día 8, á espera de que nos vindeiros días a empresa comunique as ampliacións de xornada", afirmaron as representantes das traballadoras.
Dende a central sindical salientan o compromiso, a unidade e a implicación amosadas polas traballadoras, "xa que que grazas a esta convocatoria fomos quen de avanzar de xeito considerábel na mellora das condicións laborais; con todo, agardamos que na maior brevidade posíbel poidamos ver satisfeitas todas as reivindicacións".