Telmo Martín confía en manter a súa maioría en Sanxenxo "Nada é imposible"
Por Oskar Viéitez
O actual alcalde de Sanxenxo e candidato á reelección polo Partido Popular, Telmo Martín móstrase confiado en manter a súa maioría absoluta con dez concelleiros, tal e como mostra co seu lema electoral "Nada é imposible" co que quere "marcar un rumbo e unha filosofía de goberno durante os próximos ano".
A imaxe de campaña tamén resulta singular; o candidato facéndose un selfie na praia de Silgar coa posta de sol de fondo "os retos difíciles esixen compromisos horizontais, cos que os os veciños poidan sentirse identificados".
E é que Telmo Martín asegura que quere ser "útil máis alá das eleccións" e marca xa o rumbo do goberno para os próximos anos que pasa por estender o éxito turístico a todos os días do ano e a todo o territorio municipal, en especial a Vilalonga e Nantes.
Tamén se propón reducir a taxa de paro da localidade por baixo do 8 % "creando oportunidades e emprego", algo que ve factible "se durante os próximos anos Sanxenxo fai as cousas ben".
"O mellor está por chegar", promete o candidato do PP, que fala da súa candidatura como unha lista "integradora, de persoas comprometidas con Sanxenxo e que para min o importante é que queiran dedicarlle tempo a traballar por Sanxenxo". "O que tratei de buscar é un punto de equilibrio entre xuventude e experiencia, mantendo a concelleiros moi importantes para min, tanto no anterior goberno como se temos a confianza dos veciños no seguinte", manifestou Telmo Martín.