A Xunta licita obras de acondicionamento na illa de Ons por 1,8 millóns de euros
Por Redacción
A Xunta publicou a licitación das obras de acondicionamento da illa de Ons, segundo o plan previsto para levar a cabo os proxectos de mantemento e rehabilitación nos 12 Bens de Interese Cultural de titularidade pública galegos. Nesta actuación o orzamento previsto alcanza preto de 1,8 millóns de euros, dos cales a Xunta achega 400.000 euros
O obxecto da licitación fixa varios ámbitos de actuación como o acceso á illa, o centro de información, a rúa principal que atravesa o núcleo de Ou Curro, o acceso de vehículos pesados para obras e espazo para provisións, a contorna da depuradora, acceso ás praias do sueste, a implantación de sinalización dixital e mobiliario dos espazos públicos e, finalmente, a recuperación dos camiños da illa e un almacén para dornas.
Ademais da restauración de obras e infraestruturas tamén se actuará na mellora da xestión de residuos, adecuación e mellora de camiños e carreiros, implantación de medidas de protección medio ambiental, implantación de ferramentas para a xestión de fluxos turísticos e control de aforo de visitantes.
Esta actuación enmárcase na programación das actuacións para a posta en valor dos bens de interese cultural no Camiño de Santiago. En total actuarase en 12 inmobles e mobilizarase un investimento preto de 23,7 millóns de euros, dos que 22,7 millóns de euros proceden de fondos europeos e preto de 1 millón de euros de fondos propios da Xunta de Galicia.