O PP denuncia que o goberno local de Poio levantou reparos que ascenden a máis de 1,6 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular fixo públicos os datos esenciais do informe anual do departamento de Intervención do Concello de Poio que dá conta dos reparos realizados durante 2022 por este servizo e levantados posteriormente polo goberno local ou en ocasións polo pleno: un total de 48, dos que 42 foron levantados mediante decreto da Alcaldía. O importe total de todos estes reparos de intervención que foron levantados polo equipo de goberno ascende a 1.660.000 euros, segundo denuncia o PP.
Os reparos xorden cando a Intervención, ao realizar a fiscalización, maniféstase en desacordo. O levantamento dese reparo é unha ferramenta legal que obedece a unha decisión política.
O voceiro do PP e candidato á Alcaldía, Ángel Moldes lamentou a "utilización masiva" por parte do goberno local desta práctica "que debería ser excepcional pero a realidade e que para os tres alcaldes é o habitual cada semana".
Segundo Moldes é unha forma de xestionar "que non atende á realidade de Poio, nin a un mínimo de previsión ou respecto aos requisitos legais e denota unha gran irresponsabilidade por parte do equipo de goberno".
Moldes explicou que o PP pode chegar a entender algún reparo "porque sempre pode haber imprevistos", pero "tantos e por tanto importe falan dun equipo de goberno que fai o que lle dá a gana contra a opinión dos funcionarios e contra o sentido común".
O PP engade que "os reparos levantados polos tres alcaldes inclúen advertencias dos técnicos por facturas polos mesmos conceptos que superarían os importes fixados na Lei de Contratos do Sector Público e poderían incurrir nun fraccionamento irregular de contratos".