Dorrón estrea novo roteiro de sendeirismo
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, percorreron este sábado a nova senda de Dorrón acompañados de veciños e varios concelleiros do equipo de goberno.
A actuación, que contou cun financiamento de preto de 500.000 euros de fondos Next Generation, permitirá poñer en valor o patrimonio natural da contorna e desenvolver actuacións en materia de turismo rural nas parroquias do interior de Sanxenxo ao conectar a praia de Areas co muíño de Xián.
O alcalde, Telmo Martín, agradeceu a implicación veciñal no proxecto coas cesións totalmente gratuítas dos veciños que permitirá "contar coa infraestructura verde máis bonita de Galicia e disfrutar da beleza do val de Dorrón".
Así mesmo, subliñou o papel da presidenta da asociación de veciños da parroquia "sempre atenta a todo e tentando sempre mellorar o resultado".
Martín sinalou, ademais, que o obxectivo para os próximos dous anos é que Sanxenxo pase de algo máis de 35 quilómetros de sendas verdes a 50. "A esta ten que sumarse todo lo litoral da ría de Arousa de Sanxenxo e a ruta do río Fabaíños que conecta con Noalla. Son dos obxectivos para o vindeiro mandato", explicou.
De feito, esta senda ten como obxectivo vertebrar e conectar os diferentes espazos e hábitats e funcionar como elemento dinamizador para achegar os valores naturais e paisaxísticos á poboación. Nesa liña, a conselleira incidiu en que este corredor facilitará a sensibilización, difusión e restauración do patrimonio natural existente na contorna desde a perspectiva do seu uso e goce público. Durante a actuación plantáronse 1.250 árbores autóctonas como carballos e realizáronse diversos muros de cachotería, así como pontes de madeira e varandas.
Despois de agradecer a implicación da veciñanza a través de case 280 cesións de terreos particulares co fin de que se puideron incorporar ao trazado definitivo e alongar así o itinerario, a conselleira explicou que as obras consistiron na execución de novas infraestruturas de paso en madeira ou pedra natural, a apertura da senda cun ancho mínimo de 2 metros e a colocación de varandas e mobiliario de madeira.
Ademais, tamén se puxo en marcha un plan para erradicar especies invasoras detectadas nas marxes do río como herba da pampa, a cana india ou o falso bambú. Para evitar a súa proliferación cubríronse tramos das marxes da senda cunha geomembrana opaca que impide o paso da luz.
E, para facilitar o goce deste itinerario por parte de peóns e ciclistas, instalouse unha nova sinalización indicando non só o percorrido senón os lugares de interese como os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, o lavadoiro e fonte de Outeiro ou o cruceiro de Quintáns.
Relacionadas:
-
Fontoira recuperará o seu vello lavadoiro e verá humanizada a súa contorna
Por Redacción |
-
A nova senda fluvial de Dorrón, para Rajoy, "vai competir agora con outros roteiros moi bonitos que hai en Galicia"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
As Rías Baixas revalidan os seus sendeiros azuis con Sanxenxo como líder estatal
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan as obras de construción da senda fluvial de Dorrón
Por Redacción |
-
Unha pasarela elevada coroará a futura senda fluvial do río Dorrón
Por Redacción |
-
Os traballos na senda peonil de Dorrón comezarán este ano
Por Redacción |