O traslado da feira á Alameda tensiona a relación entre o PSOE e o BNG
Por Oskar Viéitez
Este martes tivo lugar un "primeiro simulacro" do traslado da feira á Alameda de Pontevedra para comprobar sobre o terreo cos servizos técnicos municipais a disposición dos espazos que se tiña sobre plano.
Asistiu o concelleiro de Parques e Xardíns, Iván Puentes, e consistiu no aparcamento en fila de oito furgonetas. Á cita non acudiu "por unha cuestión persoal" a concelleira de Promoción económica Yoya Blanco.
Os ambulantes trasladaron as súas "necesidades" e expuxeron o establecemento de tres filas de postos, cada unha xunto á súa furgoneta que empregan como almacén.
A próxima semana está previsto que se marque sobre o terreo da Alameda o espazo concreto que necesita cada ambulante que ten concesión na feira de Pontevedra así como a distribución de cada posto.
Margarita González, presidenta de Asociación Galega de Ambulantes, aplaudiu a decisión do traslado da feira ao centro da cidade, "estamos moi contentos" con esta medida que se poderá en marcha "o último ou penultimo fin de semana de abril", segundo Iván Puentes que apuntou que "a priori, parece que todo vai segundo o previsto, parece que é posible a instalación da feira aquí" algo que espera confirmar a próxima semana.
O concelleiro de Parques e Xardíns e candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, acompañado da presidenta dos Ambulantes e membro da súa candidatura ás eleccións municipais recalcou que "o Partido Socialista ten a decisión tomada, que é que se a feira cabe aquí perfectamente instalarase na Alameda" e lembrou que, segundo recolle o pacto de goberno "o Partido Socialista non interfere nas responsabilidades do BNG e o BNG non interfere nas do Partido Socialista".
Entende Iván Puentes que esta medida do PSOE non choca co informe elaborado pola Policía Local de Pontevedra porque "é favorable, non lle pon ningunha pega ao traslado da feira á Alameda e simplemente advirte de cuestións que hai que ter en conta" como a afección ao tráfico e os aparcamentos.
Tampouco ve contradicións co informe que a súa Concellería encargou sobre o estado de saúde das árbores da Alameda e que concluía que dos 112 exemplares que ten este xardín histórico, tan só 17 están en perfecto estado, entre outras causas, porque o terreo "compactouse en exceso" e por algúns usos multitudinarios neste espazo central da cidade como as Festas da Peregrina ou a Feira Franca.
"O Partido Socialista non interfere nas responsabilidades do BNG e o BNG non interfere nas do Partido Socialista"
"Esperamos actuar sobre o chan da Alameda no próximo mandato", afirmou Puentes. Ademais, asegurou que os vehículos dos ambulantes entrarán pola parte central da Alameda ocupando os laterais "non lle vexo un problema, tendo en conta que nas festas da Peregrina entran camións, trailers e todo tipo de maquinaria máis pesada".
Por último, reitera que o tema está falado co Bloque "houbo multitude de conversacións, formais e informais" e entende que as discrepancias "se solventarán con diálogo absoluto como viñemos facendo ata o de agora".
Sobre este traslado da feira, a concelleira do BNG, Anabel Gulías insistiu en que "non nos parece o momento máis adecuado para facelo neste tempo case de desconto do mandato" e lembrou que a medida "ten que contar cos informes pertinentes que aseguren a viabildiad da feira nesa contorna" así como outras cuestións como a posibilidade de traslado cando non se poida celebrar cando a Alameda estea ocupada, ademais de "a garantía dos informes de circulación" ou de como instalar os postos na Alameda.
Relacionadas:
-
Satisfacción tras a estrea da feira na Alameda: "Polo meu posto pasou xente que non vira na miña vida en Rafael Areses"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Entregan "case 800 firmas" pedindo o traslado da feira ambulante á contorna do Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
Ás voltas coa feira: propoñen situala na rúa Serra e "darlle vida á zona do mercado"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reclama estudar "más en profundidad" o traslado da feira: "No se debe hacer en este momento"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores recoñece "visións distintas" ás que mantén o PSOE sobre a instalación da feira ambulante na Alameda
Por Anxo Lourido |
-
Acondicionan o pavimento da Alameda para poder acoller a feira ambulante
Por Alejandro Espiño |
-
A Policía Local non ve "impedimentos de ningún tipo", segundo Yoya Blanco, para trasladar a feira á Alameda
Por Alejandro Espiño |