O clima pon da súa parte e Pontevedra goza dunha multitudinaria cabalgata de Reis
Por Diego Espiño & Diego Torrado
A xeito de primeiro regalo do día, a meteoroloxía deu unha tregua para que os Reis Magos puidesen saudar a todos os pontevedreses nunha multitudinaria cabalgata.
Aínda que existía temor a que o mal tempo obrigase mesmo a suspender a marcha das súas Maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar puideron completar a súa axenda previa á noite máis máxica do ano sen preocuparse pola chuvia, que só fixo acto de presenza de forma tímida ao finalizar o desfile.
O día comezou cunha Recepción Real no Pazo de Mugartegui, xunto cun pequeno paseo polas rúas da cidade, antes de retirarse a descansar para o baño de masas que esperaba pola tarde.
Para que ningún neno se perdese a cita, os Reis Magos acudiron tamén, unha hora antes da cabalgata, a visitar os menores ingresados no hospital de Montecelo.
Xa na súa marcha polas rúas do centro a extensa comitiva, composta por sete carrozas e varios grupos de animación, fixo as delicias de todos os pontevedreses para finalizar coa ofrenda ao Neno Xesús na Praza da Ferrería.