En 30 minutos esgotáronse as prazas nos oito roteiros dos "Bosques Terapéuticos" do mes de maio
Por Redacción
En pouco máis de media hora esgotáronse este luns as 120 prazas das oito rutas dos "Bosques Terapéuticos" programadas pola Deputación para o vindeiro mes de maio.
Ao igual que ocorreu cos itinerarios de abril, a Illa de Tambo volveu ser a ruta máis demandada, de xeito que as prazas para este espazo natural cubríronse en cuestión de minutos.
Os percorridos do mes de maio terán lugar todos os sábados e domingos e espallaranse pola Fervenza do Toxa (Silleda), o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín), a Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), a Illa de Tambo (Poio), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), o Río Eifonso (Vigo) e pola contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro).
En concreto, o día 6 de maio os "Bosques Terapéuticos" chegarán ata a Fervenza do Toxa, mentres que o 7 e o 13 recalarán no Lago de Castiñeiras e o día 14 na Carballeira de San Xusto. O sábado 20 de maio continuarán pola Illa de Tambo e o domingo 21 pola Ruta da Pedra e da Auga. Finalmente, o día 27 de maio o programa chegará ao Río Eifonso e o 28 percorrerá a contorna da Ponte Colgante do Lérez.
A inscrición para os baños de bosque de xuño abrirase o 15 de maio, mentres que para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, este prazo rematará dous días antes da ruta. As persoas interesadas da provincia poden formalizar a súa solicitude a través da páxina web da Deputación www.depo.gal. Para cada un dos percorridos ofertaranse 15 prazas, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento da actividade.
Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.
Relacionadas:
-
Sen prazas para as rutas dos 'Bosques Terapéuticos' de agosto
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de inscrición para os oito baños de bosque previstos pola Deputación
Por Redacción |
-
A creación dun aparcadoiro disuasorio e a mellora dos sendeiros, nun proxecto para revalorizar o Lago de Castiñeiras
Por Oskar Viéitez |
-
Os "baños de bosque" arrancan con gran éxito cun paseo por Tambo
Por Redacción |
-
Volven as visitas gratuítas a unha plantación e sidrarías en aldeas da Estrada
Por Redacción |
-
Elaboran un proxecto educativo para a Illa de Tambo inspirado no tesouro do pirata Benito Soto
Por Oskar Viéitez |
-
Esgótanse as prazas para participar nas rutas do programa "Bosques Terapéuticos"
Por Álvaro Arosa Barco |
-
O programa "Bosques terapéuticos" volve a partir do vindeiro 15 de abril e inclúe este ano 38 rutas
Por Oskar Viéitez |