Un Land Rover que circulaba a velocidade inadecuada queda rodas arriba en Eduardo Pondal
Por Natalia Puga
Un vehículo Land Rover Discovery quedou totalmente envorcado e rodas arriba na noite de Reis na rúa Eduardo Pondal tras sufrir un accidente supostamente por circular a unha velocidade inadecuada.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, o sinistro produciuse sobre as 00.30 horas da madrugada do domingo 5 ao luns 6 de xaneiro, isto é, a mesma noite en que os Reis Magos percorrían Pontevedra repartindo regalos.
O Land Rover circulaba dende Ramón Otero Pedraio cara a Eduardo Pondal e, segundo a Policía, entrou na rotonda que separa ambas as dúas rúas a unha velocidade inadecuada para a vía. Nese momento, perdeu o control do vehículo e acabou envorcando xusto diante das instalacións de Vialia.
O condutor do vehículo era un mozo de 21 anos. Logo do accidente, a Policía Local someteuno a unha proba de alcoholemia e deu un resultado negativo.