A Deputación renuncia de novo ao stand de Rías Baixas en Fitur
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra acudirá de novo á Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid baixo o paraugas da Xunta de Galicia "dentro do marco de Turgalicia" renunciando a un stand propio.
Atrás queda un lustro de convocatorias nas que Turismo Rías Baixas participaba no certame cun stand propio de case 300 metros cadrados nos que se promovía de forma específica a oferta cultural e de ocio da provincia de Pontevedra. Este ano, ao igual que aconteceu no pasado 2013, a institución provincial prescinde desta instalación co obxectivo de aforrar as cotas de aluguer do chan e de montaxe.
Así o confirmou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, xunto á Secretaria Xeral de Turismo de la Xunta de Galicia, Nava Castro, "concentrar é o máis oportuno. Hai que facer ás cousas de maneira ordenada e coordinada", remachou.
A decisión permite unha aforro próximo aos 200.000 euros
Esta decisión supón un aforro próximo aos 200.000 euros e permite á Deputación participar no Madrid Fusión, "a cita culinaria máis importante do país".
Para Rafael Louzán este evento posibilita focalizar a atención sobre a nosa cociña a nivel nacional e internacional e supón unha excelente ocasión para atraer turismo gastronómico ou para que os produtos agroalimentarios galegos estean presentes nos restaurantes e as mellores tendas do mundo.
A próxima edición de Fitur terá lugar en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro.
Nava Castro defendeu que reunir a toda a oferta turística de Galicia baixo a promoción conxunta de Turgalicia "é a mellor decisión e a máis racional no actual contexto".
ACORDOS
Nava Castro e Rafael Louzán sinalaron que esta liña de colaboración entre ambas as dúas institucións se estende a outros ámbitos como son a celebración de varias etapas por terras galegas de La Vuelta Ciclista a España.
Ademais subliñaron outras accións conxuntas como un proxecto de sinalización turística da provincia, a organización do Congreso Internacional da Camelia, de Bolcotur ou o desenvolvemento de traballos de mantemento do Camiño Portugués a Santiago ou a elaboración dun Plan Director sobre esta ruta Xacobea.
Relacionadas:
-
Louzán aposta por un 'Plan Renove' para mellorar as infraestruturas turísticas das Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra empregará Fitur para potenciarse turísticamente nas redes sociais
Por Redacción |
-
As Rías Baixas amortizan La Vuelta Ciclista a España
Por Oskar Viéitez |
-
Fitur, moita moqueta e poucos expositores
Por Oskar Viéitez |