A aplicación móbil sobre Pontevedra creada no Sánchez Cantón será utilizada como ferramenta turística
Por Alejandro Espiño
Un proxecto impulsado por tres profesores do instituto Sánchez Cantón será utilizado polo Concello de Pontevedra como ferramenta de promoción turística da cidade. Trátase dunha aplicación móbil, desenvolvida en colaboración cuns 40 alumnos do centro, coa que se pode realizar un paseo virtual polos lugares de interese do municipio. Esta iniciativa recibiu recentemente o Premio Nacional de Educación.
"M-tic: Programando apps con AppInventor", como se chama este proxecto, recorre aos coñecidos como códigos QR para desenvolver unha serie de aplicacións. Concretamente son tres: prazas de Pontevedra (dispoñible en galego, castelán, e inglés), tesouros de Pontevedra (galego e castelán) e árbores de Pontevedra (galego, castelán, inglés e francés). Aínda sen terminar está unha cuarta, que fará un percorrido pola Illa das Esculturas.
Segundo destacou a coordinadora desta iniciativa, Esperanza Gesteira, un dos seus obxectivos era que os alumnos "sacasen una mayor utilidad a los teléfonos móviles". Os mozos, dixo, están afeitos usalos para as súas redes sociais e para descargar aplicacións lúdicas, "pero teñen un potencial educativo moi grande", como así se demostrou con este proxecto no que os alumnos fixeron as fotos e redactado os textos que mostran as aplicacións.
Aos códigos QR, dispoñibles para Android a través da plataforma Google Play, o Concello de Pontevedra daralles utilidade práctica. Así o confirmou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, trala recepción ofrecida este mércores aos tres docentes: Esperanza Gesteira, Anxo González e María Rosario Sánchez-Gabriel, a quen lles felicitou polo premio concedido polo Ministerio de Educación e Ciencia.
"Se poñemos eses códigos nas oficinas turísticas ou nos nosos puntos de información, calquera poderá descargarse a aplicación e facer un percorrido pola cidade a través de Google Maps", afirmou Fernández Lores. ÿ unha das formas coas que o goberno municipal colaborou con este proxecto, ademais de facilitarlle parte da documentación e bibliografía necesaria para redactar os contidos da aplicación.
Relacionadas:
-
Dous alumnos do Instituto Sánchez Cantón obteñen unha bolsa Amancio Ortega
Por Oskar Viéitez |
-
Xesús Vázquez asina un convenio con 76 centros para mellorar a calidade educativa
Por Oskar Viéitez |
-
Angel Carracedo alimenta a curiosidade e a creatividade dos alumnos do Sánchez Cantón
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Sánchez Cantón recibe o Premio Nacional de Educación polo desenvolvemento dunha aplicación para móbiles
Por Oskar Viéitez |