A Xunta asegura que o encoro do Umia "evitou inundacións máis graves" en Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Medio Ambiente asegura que a existencia do encoro da Baxe, en Caldas, "evitou danos maiores neste municipio pontevedrés, ao reducir notablemente os caudais do río Umia durante os episodios de adversos meteorolóxicos" que xeraron importantes choivas nesta zona no Nadal, especialmente o día 6 de xaneiro.
Segundo a análise realizada por Augas de Galicia, o encoro reduciu nun 37% o caudal do río o día 6 de xaneiro, "diminuíndo os efectos da crecida do ría ante posibles estragos no casco urbano e nos seus arredores, cumprindo así cunha das funcións para a que foi construído".
Na mesma liña manifestouse o alcalde de Caldas de Reis, o socialista, José Manuel Rey.
O encoro retivo 2,72 hectómetros cúbicos neste episodio de chuvia, "cun efecto que non só rebaixa os caudais punta, senón que suaviza os cambios de caudal, aspecto de suma importancia para evitar problemas augas abaixo do encoro". Parte do beneficio debeuse á baixada da ocupación do encoro nas horas previas ao episodio de chuvia, de modo que o día 6 a primeira hora o seu nivel era do 50%, preparado para recibir as achegas extraordinarias previstas para ese día.
A día de hoxe, o encoro está en situación de normalidade, cun nivel de ocupación do 53% de modo que estea preparado ante eventuais novas situacións de chuvias.
CRITICAS DO BNG
Pola súa banda o BNG asegura que o pasado luns a vila de Caldas de Reis "sufriu unha vez mais a falta de previsión e a incompetencia dos organismos públicos que deben velar pola seguridade dos veciños", así pois, a "incapacidade " do encoro da Baxe para controlar o caudal do río Umia "quedou manifestamente demostrado ao anegarse baixos e garaxes sen tempo para que algúns propietarios retirasen os seus vehículos debido á velocidade coa que subíu o cauce do río unha vez o nivel do encoro chegou ao seu límite".
Dende o BNG lamentaron as declaracións da Xunta e do alcalde de Caldas de Reis por "ser falsas" e supoñen "unha burla". "O único motivo polo que o río non inundou as rúas mais céntricas da vila foi por un lado o muro da marxe do Umia e polo outro que o río Bermaña non acadou o nivel de auga que si alcanzou noutras ocasións", din os nacionalistas.
O BNG destaca tamén que o encoro do Umia continúa a ser un perigo para os veciños de Caldas, pois "mentres que antes da construción deste monumento á incompetencia o río subía de nivel progresivamente agora faino de golpe".