Louzán a Agustín Fernández: "eu con quen teño que dialogar é co alcalde de Pontevedra, e fágoo bastante a miúdo"
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, recordou este xoves que o seu "interlocutor" no Concello de Pontevedra e o Alcalde. Así o manifestou tras ser preguntado polos xornalistas por a carta do edil de Deportes do concello de Pontevedra, o concelleiro socialista, Agustín Fernández, sobre o Campionato do Mundo de Dúatlon que se celebrará en maio na cidade.
Rafael Louzán fixo fincapé en que este é un asunto que xa tratou en máis dunha ocasión co rexedor local, que é con quen lle corresponde falar.
"Que haxa coalicións de goberno é o seu problema, non o meu", dixo Louzán "aquí hai un equipo de goberno e cada un ten a súa responsabilidade. A min tócame esa responsabilidade de dialogar con quen teño que dialogar, que é co alcalde de Pontevedra, e fágoo bastante a miúdo".
Un diálogo, dixo, que ten dado moi bos froitos "con avances moi importantes que beneficiaron moito á cidade de Pontevedra, avances históricos que nunca antes se deran", e neste punto falou do "lamentable" que lle resulta o "incumprimento do compromiso do concello de acondicionar o contorno de Pasarón".
"Que haxa coalicións de goberno é o seu problema, non o meu", dixo Louzán
O presidente da Deputación reiterou hoxe o seu malestar polo aparcadoiro disuasorio fronte o Estadio "convertido estes días nunha lameira". Louzán lembrou o compromiso asinado para facer nesa parcela unha zona verde polo que entende que a actitude do Goberno Local é un "intento de fastidiar", porque é unha obra que "non é dun custe económico elevado".
"ÿ un desprezo permanente aos veciños, que non se merecen ese trato", dixo o titular da Administración provincial que animou ao concello a seguir o exemplo da Deputación e a ocuparse de ofrecerlle aos clubs deportivos do municipio condicións adecuadas para traballar e non só de grandes eventos deportivos.