Unións Agrarias critica á Xunta por "condenar" os gandeiros ao prohibirlles pastorear en zonas queimadas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O secretario xeral do sindicato Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, criticou a Xunta de Galicia por "criminalizar" os gandeiros ao prohibirlles pastorear durante dous anos en zonas queimadas por incendios forestais. "En vez de castigar ou perseguir os auténticos culpables o que fai é unha condena xeneralizada", afirmou.
Para Roberto García, a Xunta trata con esta medida de "soltar unha falsa lebre para despistar a opinión pública do seu propio fracaso na política contra incendios".
Roberto García mostrouse sorprendido pola actitude do Goberno galego que "en vez de reformularse a súa propia política contra o lume" incentivando a actividade forestal e gandeira que supoñen un "auténtico cortalume natural", o que fai o presidente Alberto Núñez Feijóo é "disimular e converter os gandeiros nos culpables dos incendios".
Unións Agrarias rexeita o decreto autonómico que regula o aproveitamento forestal no relativo á prohibición do pastoreo en zonas queimadas durante dous anos, "porque o único que fai é unha condena xeneralizada aos gandeiros", dixo.
O secretario xeral do sindicato Unións Agrarias insistiu en que a decisión adoptada pola Xunta agrava o problema xa que ao deixar dous anos sen pastoreo "o que vai facer é ir crecendo a herba para que sexa combustible do lume" e ademais "castiga a todos os gandeiros desa zona a comprar máis penso".
"ÿ unha barbaridade", lamentou Unións Agrarias "trata de criminalizar as vítimas"
"ÿ unha barbaridade", lamentou Roberto García "trata de criminalizar as vítimas".
O secretario xeral do sindicato Unións Agrarias resumiu este "castigo inxusto" da Xunta cun exemplo "é como o profesor que castiga a toda a clase sen recreo ata que saia o alumno que pintou na pizarra".
"Castiga a todos da súa propia incompetencia e fomenta que haxa máis incendios en dous anos", concluíu Roberto García.
RESPOSTA DA XUNTA
Nun comunicado a Xunta respostou que a prohibición de pastorear en terreos queimados durante dous anos vén da lei de incendios do ano 2007 "aprobada polo goberno bipartito" e lamenta "que se faga demagoxia" con este tema.
A Xunta acusa a UU.AA. de "facer demagoxia unha vez máis cun tema tan sensible"
"Isto pon de manifesto que esta non é unha novidade que introduza a actual Lei de Montes de Galicia nin o Decreto de aproveitamentos forestais analizado onte no seo do Consello da Xunta de Galicia", di o escrito.
Deste xeito, a Consellería do Medio Rural e do Mar lamenta que o sindicato Unións Agrarias estea a "facer demagoxia unha vez máis cun tema tan sensible" como é o dos incendios forestais "mentindo e enganando á sociedade e aos gandeiros con afirmacións que faltan á verdade e que carecen do rigor e o respecto que require un tema coma este".
"Máis aínda cando son perfectamente coñecedores de que a lexislación contempla reducións do período de 2 anos que recolle a norma xeral ante casos que se xustifiquen como excepcionais", engade.