O campo pontevedrés cre que as axudas europeas deben "acabar co agricultor de sofá"
Por Oskar Viéitez
Agricultores e gandeiros enfróntanse a un momento clave o próximo 21 de xaneiro en Madrid, con motivo da celebración da Conferencia Sectorial de Agricultura, que deberá decidir sobre a aplicación nacional de reforma da Política Agraria Común (PAC) para o período 2014/2020. O que supón unha repartición de 47.000 millóns de euros.
O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, cualificou como crucial o que aconteza nesta cita. Consideran "fundamental" que se recolla o concepto básico de agricultor activo para que dunha vez por todas se atendan as demandas dos verdadeiros profesionais do sector agrario e "rematar co agricultor de sofá".
A quince días desta cita, dende esta organización destacaron o moito que se xoga Galicia na Conferencia Sectorial.
Segundo explicaron nunha rolda de prensa celebrada este venres en Pontevedra, correspóndelles aos estados membros da Unión Europea a definición concreta dos que deben ser os beneficiarios dos pagamentos compensatorios da PAC.
"De modo que se presenta unha oportunidade para que España defina cual é o verdadeiro agricultor e gandeiro profesional rematando deste modo coa especulación no sector agrario", desexan dende Unións Agrarias.
Roberto García instou o Ministerio de Agricultura a que atenda a criterios sociais e máis axustados ao sentido común, se o que se pretende é apoiar o verdadeiro agricultor e gandeiro profesional fronte a aqueles outros que non cultivan a terra ou non teñen animais.
España conta con 900.000 perceptores de axudas malia que só existen 350.000 produtores
Segundo os datos facilitados por este sindicato, España conta con 900.000 perceptores de axudas malia que só existen 350.000 produtores.
En todo caso mostrouse "escéptico" dado que a situación do campo galego é singular fronte á doutras comunidades como Andalucía ou Castela e León.
Así Roberto García alertou risco que supón para o sector lácteo a desaparición do sistema de cotas ou para as explotacións de gando de carne ou para a viticultura, pois os produtores deixarán de percibir axudas que se destinarán ás adegas.
Actualmente Galicia percibe 200.000 millóns de axudas signifícao que é "a Comunidade Autónoma con menos axudas en proporción aos activos que teñen en agricultura e gandaría", dixo Roberto García. "Isto supón menos da metade que Extremadura, ou unha cuarta parte do que percibe Aragón".