Unha piscina de ondas, un campamento e unha cafetería con gatos rescatados, propostas emprendedoras do IES de Vilalonga
Por Redacción
Unha piscina de ondas para practicar surf, un campamento para desconectar e gozar da natureza e unha cafetería con gatos rescatados da rúa. Eses tres proxectos foron elaborados polo alumnado de 4º da ESO do IES de Vilalonga.
Todos eles acudiron este xoves ao Concello de Sanxenxo para presentar as súas iniciativas, acompañados da súa profesora de Actividade Emprendedora e Empresarial, Carmen Iglesias.
No salón de plenos esperábanlles o alcalde, Telmo Martín; a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada; a edil de Educación, Paz Lago, e a varios técnicos municipais do departamento de Urbanismo.
A presentación destes tres proxectos forma parte dun traballo deste trimestre e que ten que ver co proceso de emprendemento. O alumnado da materia Formación de Orientación Laboral débese enfrontar ao caso práctico de formación dunha empresa e toda a tramitación, así como os gastos que iso conleva. Durante a sesión deste xoves, os alumnos realizaron a exposición das súas ideas a través de tres maquetas realizadas por eles mesmos e explicaron os emprazamentos elixidos.
No caso de Sport Waves, os seus promotores cren que a mellor localización sería unha parcela do parque empresarial de Nantes e empregaríanse sistemas de enerxía alternativa para o movemento de auga nun circuíto pechado. Unha proposta novidosa que está a funcionar en cidades como Madrid e que permiten a práctica de surf os 365 días ao ano.
Dorrón ou Noalla son as dúas alternativas que se expoñen para situar un campamento en plena natureza, pensado para mozos que queiran ou necesiten desconectar da tecnoloxía. O Campamento Danma inspírase nun proxecto similar que xa existe en Asturias onde os participantes cultivan produtos e conviven con animais. Unha experiencia diferente afastada de móbiles e centrada na natureza.
O terceiro proxecto, Catffe, é unha cafetería na que os gatos rescatados da rúa terán o seu propio espazo. Os amantes dos felinos terán nesta cafetería a opción de tomar algo e gozar da súa compañía. Os seus promotores realizaron enquisas en Instagram para coñecer a resposta do público e foron moi positivas.