Identificadas oito mulleres por furtos en comercios de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Durante a época do Nadal e o período seguinte de rebaixas as policías Nacional e Local desenvolven o operativo denominado 'Comercio Seguro', cun despregamento policial centrado no horario comercial e nas zonas máis comerciais da capital.
De maneira que ambos os dous corpos policiais coordinan os seus efectivos para ter unha presenza constante nas principais zonas comerciais da cidade pois as aglomeracións son momentos propicios para que os carteiristas actúen e tamén ante o incremento do número de furtos nas tendas. En definitiva se tratar de garantir unha maior e mellor seguridade tanto dos cidadáns coma dos comerciantes.
Froito deste traballo a Policía Local de Pontevedra identificou a nove mulleres por cometer diferentes delitos de furto.
Segundo informan dende a Xefatura local o primeiro dos sucesos aconteceu o pasado día 18 de decembro. A detida era unha reincidente, unha "clásica", constándolle anteriores detencións por parte da Policía Nacional e da Local por feitos similares. O valor do subtraído era de 332 euros.
Nalgúns casos utilizaron o método da 'Gaiola de Faraday'
O 23 de decembro foron tres as mulleres detidas por diferentes furtos nas tendas de H&M e Blanco. Neste caso utilizaron o método da 'Gaiola de Faraday' que consiste en forrar o interior dun bolso con papel de aluminio para "inhabilitar" os sistemas de alarma escondendo no seu interior as pezas subtraídas.
Ese mesmo día pillaron de novo á "clásica" que saía de Zara tras furtar pezas por valor de 90 euros.
O 27 de decembro e o 5 de xaneiro, outras dúas mulleres son sorprendidas en H&M arrancando as alarmas de varias pezas, unha utilizou unhas tenacillas e a outra a forza bruta.
As dúas últimas detencións tiveron lugar o pasado 5 de xaneiro.
Todas as detidas foron trasladadas a dependencias policiais para a tramitación do pertinente atestado policial, que se traslada á Autoridade Xudicial correspondente sendo imputadas por unha falta de furto.
400 EUROS LÍMITE
Nestes casos a diferenza entre unha falta e un delito é cuestión de diñeiro. Se o valor do roubado está por debaixo dos 400 euros, queda nunha simple falta por furto, co comiso da mercadoría subtraída. Os delincuentes sábeno e, coma se levasen unha calculadora, subtraen pezas sen chegar a ese límite.
A Confederación Española de Comercio pediu que a reforma do Código Penal que está a deseñar o Executivo considere o furto como delito, abordando o endurecemento das sancións e penas pola comisión deste tipo de roubos.
Relacionadas:
-
Despregue policial para dar seguridade a comercios en Nadal
Por Redacción |
-
Identifican cinco mulleres por furtar nunha farmacia e un comercio de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A Policía sorprende unha menor tras caerlle a alarma dunha peza de roupa que pretendía furtar
Por Redacción |
-
Alertan da presenza en Pontevedra de grupos de estafadores que piden donativos para asociacións ficticias
Por Redacción |