O Grove sae á rúa, culler de pau na man, para defender a súa estrela Michelín
Por Natalia Puga
Gorro cociñeiro na cabeza e culler de pau na man, uns 700 veciños saíron á rúa este venres no Grove. O simbolismo non deixaba lugar a dúbidas da súa reivindicación: saíron para defender o Culler de Pau ante o precinto do único restaurante con estrela Michelín da península meca o 31 de decembro.
A convocatoria foi espontánea, expandiuse como a pólvora a través das redes sociais, e finalmente, ás 20.30 horas, confirmouse que Javier Olleros e o seu restaurante contan con grande aceptación e respaldo tanto entre os veciños do municipio coma no mundo da gastronomía. Yayo Daporta ou Pepe Solla tamén quixeron estar alí e este venres, no Grove, todos tomaron como seu o lema da protesta "Todos somos Culler de Pau".
Saíu ao atril Pepe Solla en representación dos cociñeiros do Grupo Nove, pero cedeu o protagonismo principal aos protagonistas do acto, os veciños. Adelina é subministradora do restaurante de Olleros dende a súa horta no Grove e quixo estar alí. Tamén un veciño que falou en nome de todos e defendeu que no medio da crise que azouta o municipio, non se poden permitir perder o "buque insignia" dos seus restaurantes.
Non faltou á cita o propio Olleros, "desbordado" pola situación, tanto polo impacto que terá o precinto do local no seu negocio como polo abafador apoio cidadán. Reivindicou o seu Culler de Pau como "embaixador do Grove no mundo" e lamentou que co peche "dez familias quedamos na rúa, sen ingresos" e que pode chegar a perigar a imaxe dun restaurante que "tanto esforzo nos costou levantar e que agora ía moi ben" e, mesmo se o peche se prolonga, a súa estrela Michelín. "Eles son moi comprensivos, pero quen premia a cociña dun restaurante que está pechado?", pregúntase.
David Pérez Araújo foi un dos que máis activos á hora de promover a protesta nas redes sociais e non faltou á cita a pesar de que, segundo acreditou o propio Olleros, "vímonos cinco ou dez veces, como cliente do restaurante, non temos máis vínculo". Pérez Araújo móstrase moi contundente na defensa do restaurante e cre que a súa reivindicación se ve referendada pola cantidade de "xente de fóra" que acudiu á praza do Corgo, "de toda Galicia e escoitei que de Portugal, todo clientes".
"O único que queremos é que se lle aplique a mesma lei ao Culler de Pau que a toda a xente do Grove"
"Non se trata de ir contra ninguén en ningún momento, o que se pide é que se aplique unha lei xusta ao restaurante, como a calquera cidadán, defender a legalidade de toda a xente do Grove, o único que queremos é que se lle aplique a mesma lei ao Culler de Pau que a toda a xente do Grove", defendeu, facéndose eco de sentir xeneral.
A principal queixa dos que saíron á rúa é que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a base da que o Concello do Grove ordenou o precinto do restaurante "o único que pide é recuperar legalidade, non pechar,". A resolucion ordena repoñer a legalidade do edificio no que se sitúa o restaurante, derrubar parte do piso superior, pero cren que pechar o negocio é facerse eco de "unha cacicada".
Non ocultan nomes, todos apuntan o construtor local ÿscar Miniño como a persoa que está detrás do peche. El foi o que denunciou a falta de licenza de apertura do edificio de Culler de Pau que derivou na citada sentenza do TSXG e aseguran que preme para que o Concello manteña o peche. O Concello asegura que só cumpre a lei.
Mentres tanto, Javier Olleros non quere entrar en política, el asegura que "só quero abrir o restaurante, cociñar, que é o noso, facer feliz á xente a través da nosa comida, que me deixen" e xa empezou os trámites para volver abrir. Primeiro terán que aprobarlle o proxecto para demoler tres habitáculos do piso superior do edificio e, unha vez que se remate a obra, necesitará unha nova licenza de apertura.
O estrela Michelín dous anos consecutivos confía en que os trámites se axilicen e poida abrir canto antes. Os seus seguidores e defensores saíron á rúa porque "consideramos inxusto o peche do restaurante Culler de Pau polo Concello do Grove, amosamos a nosa repulsa e desacordo, e pedimos ao Concello que axilice os trámites para que este establecemento, que dignifica ao Grove, poida abrir no prazo previsto e poida continuar a súa andaina".
"Moitas familias vivían directa ou indirectamente do Culler de Pau, moita cultura do país emana desta factoría de ciencia ficción culinaria, e non podemos pasar deixar que temos no Grove, e en Galicia, a "Torre Eiffel" dos resturantes e da boa xente que traballa no Culler de Pau... por que a queremos machacar?", pregúntanse a través do grupo que crearon no Facebook.
Relacionadas:
-
Culler de Pau legaliza o seu restaurante no Grove
Por Redacción |
-
O restaurante Culler de Pau abrirá de novo as súas portas o vindeiro venres 14 de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan unha concentración no Grove, 'culler de pau' en man, para apoiar a Javier Olleros
Por Redacción |
-
O restaurante Culler de Pau, obrigado ao peche
Por Redacción |
-
Casa Solla, Culler de Pau, Pepe Vieira e Yayo Daporta renovan un ano máis a súa estrela Michelín
Por Redacción |