O Pazo Provincial acolle a exposición fotográfica 'Yo Decido' de ASPACE
Por Redacción
O Pazo da Deputación acolle desde este venres a exposición da Confederación ASPACE 'Yo decido'. A mostra consta de 22 imaxes da fotógrafa Leticia Hueda que contan catro historias de persoas con parálise que van tomando decisións que as levan a vivir unha vida independente.
A exposición, que poderase visitar ata o vindeiro 28 de maio no vestíbulo principal do edificio, xordeu co obxectivo de achegar a realidade da parálise cerebral á sociedade e nela pódense observar a Ana nunha xornada de compras, a Sebas ao recibir as notas finais na universidade e a súa celebración coas súas amizades, a Ana Belén na súa residencia xunto coa súa parella e compañeiras/os, e a Rodrigo nunha xornada laboral na axencia de emprego do Concello de Madrid.
Na inauguración da mostra estiveron a deputada provincial Olga García e a presidenta da Federación ASPACE Galicia, Concepción Somoza Torres, acompañadas dun grupos de persoas usuarias de Amencer-Aspace e doutros e doutras deputados e deputadas provinciais.
A exposición, que conta coa colaboración da Fundación Sacyr, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e da Fundación ONCE, leva viaxando desde que comezou 2023 e despois de pasar por cidades como Vigo, A Coruña, Bilbao, Huesca ou Pamplona, chegou a Pontevedra.
Ao longo de todo o ano viaxará a outras vilas da xeografía española, para rematar o seu percorrido en Madrid do 18 ao 26 de decembro na Fundación Pons en Madrid. ASPACE organiza cada ano esta exposición de fotografía itinerante con distinta temática e imaxes, co fin de lograr unha maior visibilidade do colectivo da parálise cerebral na sociedade.
Relacionadas:
-
Amencer-ASPACE conmemora o Día Mundial da Parálise Cerebral con actividades de concienciación en centros educativos
Por Oskar Viéitez |
-
Dous gañadores de Estrela Michelín, xurado nas semifinais do certame 'ASPACE cociñamos xuntos'
Por Redacción |
-
Entrega de chaves na inauguración do cambiador inclusivo da Praza de Galicia
Por Redacción |
-
Inaugurada a nova residencia de Amencer-Aspace
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |