A rúa da Infantería da Mariña, primeira actuación do plan de asfaltados de Sanxenxo
Por Redacción
O plan de asfaltados comezou este mércores na Rúa da Infantería da Mariña, en Baltar, co fresado e reposición do firme.
A empresa concesionaria dos traballos, Marconsa, continuará este xoves na contorna do colexio da Florida co asfaltado de Alexandre Bóveda, Poetas Galegos, Ricardo Santos e Avenida Emilia Pardo Bazán.
Estes traballos obrigarán a cortar o tráfico rodado nestes viais desde as 7 horas de mañá e ata o venres que se prevé conclúa a actuación neste punto.
A Policía Local acordou cos condutores dos autobuses escolares un punto para deixar e recoller ao alumnado de forma segura durante estes dous días.
En total realizaranse 16 asfaltados nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúense a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados. O prazo total previsto para a execución das obras é de 4 meses e serán financiadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra por un importe de 862.095 euros.
Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade do vial destas estradas ao mellorar o seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais prevese a extensión dunha capa de rodadura e unha regulación do firme nos tramos necesarios.
En función das características de cada vial, seguíronse unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme. Así, nun total de 10 pistas contempladas no proxecto realizarase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela y A Costa- A Granxa.
Outros 3 precisan dun tratamento especial no firme como son as bandas transversais para a redución de velocidade no vial Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro-Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.
Relacionadas:
-
O plan de asfaltado expándese polas parroquias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Nove empresas optan a executar os lombos, ensanches de calzada e asfaltados previstos en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sae a licitación o plan de asfaltados de 16 pistas de Sanxenxo por 866.427 euros
Por Redacción |
-
Previsto un plan de asfaltados de viais de Sanxenxo por máis de 866.000 euros
Por Redacción |