Arden de madrugada dúas ambulancias do 061 en Pontevedra e Bueu
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil e a Policía Nacional de Pontevedra investigan a posible conexión entre os incendios que, aproximadamente á mesma hora, calcinaron dúas ambulancias do 061 que se atopaban estacionadas en Bueu e Pontevedra. Non se descarta que ambos sucesos sexan provocados, debido ás similitudes que gardan os dous incendios e as circunstancias nos que se produciron.
No caso de Pontevedra, a ambulancia medicalizada atopábase aparcada nas inmediacións da antiga delegación de Sanidade na avenida de Vigo. Comezou a arder sobre as tres da madrugada. O incendio localizouse na parte dianteira do vehículo, calcinando por completo o seu motor e os asentos de condutor e copiloto. O lume danou sensiblemente tamén a dotación asistencial da ambulancia.
Ao lugar dos feitos trasladáronse efectivos de Bombeiros de Pontevedra, que lograron controlar o lume nun curto espazo de tempo, e de Protección Civil. Ademais, axentes da policía científica tomaron mostras do incendio para buscar probas que confirmen ou rebatan a súa intencionalidade.
O mesmo 'modus operandi' repetiuse en relación á ambulancia queimada en Bueu. Neste caso, estaba estacionada nos arredores do centro de saúde da localidade. Os Bombeiros do Morrazo extinguiron as lapas do vehículo, neste caso asistencial, tras atender o aviso dun particular, tamén sobre as tres da madrugada. Igual que a de Pontevedra, o lume orixinouse na súa parte dianteira, esnaquizando por completo o motor.
A zona foi acordoada pola Garda Civil que, neste segundo caso, fíxose cargo da investigación.
Aínda que ninguén vinculou aínda estes dous incendios coa folga que Transa, a concesionaria do servizo en Pontevedra, Bueu e Marín, atravesa desde hai máis un mes, o presidente do comité de empresa, Alfonso Boullosa, quixo condenar esta sabotaxe. En declaracións a EFE, asegura que sucesos como este "fannos un fraco favor", ao entender que o seu conflito laboral "ten que vencerse nos despachos".
Boullosa recordou ademais o carácter "pacífico" da folga indefinida, iniciada o pasado 9 de decembro ante o incumprimento por parte da compañía do laudo arbitral que anula a sanción imposta a 17 traballadores por unha presunta falta de mantemento das ambulancias do servizo. Reclaman ademais que se respecten os acordos en material salarial.