A asociación galega de artesáns repetirá á fronte da feira de artesanía de Baltar
Por Redacción
A Asociación Galega de Artesáns organizará por segundo ano consecutivo a Feira de Artesanía de Portonovo, tras resultar adxudicataria do proceso aberto polo Concello de Sanxenxo.
A feira ocupará 225 metros cadrados do Paseo de Baltar desde o 15 de xullo ao 27 de agosto co modelo que se implantou o pasado ano. O contrato coa firma elixida para explotar este evento poderá prorrogarse ano a ano ata 2026.
Esta proposta, baseada nos produtos de proximidade e de elaboración personalizada con obxectos únicos e de calidade, está pensada para que supoña un reclamo turístico que non conleve unha competencia para o comercio local.
O horario da feira será de 19 horas a 24 horas todos os días da semana. Os xoves, sábado, domingos e festivos abrirán tamén de 12 a 14 horas.
Os expositores da feira deberán dispoñer dun carné de artesán en vigor expedido pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou doutra comunidade #de acordo con a lexislación vixente e dispoñer de produción propia para atender a demanda prevista durante a feira.
Ademais, as bases recollen de forma expresa a prohibición de venda de alimentos e a revenda de produtos.
As casetas terán unha dimensión de 3x2 metros coa opción de participacións agrupadas cun espazo dobre e prevese ampliar a zona do paseo para aumentar o espazo de circulación dos visitantes.