Pontevedra ou Ponte Vedra? Marín ou Marin? Arousa ou Arosa? Pois depende...
Por Alejandro Espiño
Pontevedra. 40.000 habitantes, temperatura media no verán de 32 grados, unha comunidade rural reconvertida nun próspero condado, cheo de praias paradisiacas e clubs de golf. Non estamos falando da nosa cidade, senón de Ponte Vedra Beach, unha cidade situada en Florida (Estados Unidos). ÿ un dos exemplos de topónimos pontevedreses que se repiten noutros lugares do planeta.
Ponte Vedra Beach, coa que Pontevedra está irmanada desde hai anos, está ligada a nós case desde a súa creación. Aínda que non está documentado, a crenza popular é que un dos seus fundadores chamouna así tras atopar un artigo xornalístico no que se referenciaba que Pontevedra era a cidade natal de Cristóbal Colón. Foi trala I Guerra Mundial, cando pasou de ser unha dispersa comunidade minera a un importante resort turístico.
E se en Pontevedra vívese ben, parece que non menos ben se vive na Pontevedra estadounidense. A CNN escolleuna en 2005 como unha das 50 mellores cidades para vivir. Será por iso que, tralo seu irmanamento, foron moi soados as viaxes de políticos, empresarios e outros representantes das forzas vivas da nosa cidade a ese enclave norteamericano.
Pero Pontevedra non é a única localidade que ten o seu reflexo no país do Tío Sam. Saltando alén do país, atopamos a Marin, un condado de California bañado polo Océano Pacífico e situado aos pés da Bahía de San Francisco. Roza o medio millón de habitantes e nel está situada a coñecida prisión de San Quintín. E de novo na costa oeste, podemos visitar Arcade, un pobo de Nova York de apenas 2.500 persoas.
Aínda que o que se leva a palma, sen dúbida, é O Grove. Ata dous pobos estadounidenses coinciden en chamarse Grove City. Un en Ohio, onde Obama cimentou a súa recente vitoria electoral. ÿ un dos suburbios de Columbus, a capital do Estado. E o outro, en Pennsylvania. Nel, está situada unha coñecida escola de artes e un dos principais mercados outlet de Estados Unidos.
Menor entidade teñen Caldas de Reis, que, na súa forma castellanizada, Caldas de Reyes, é un barrio da cidade californiana de San Diego; ou Salcedo, un barrio situado a apenas unha hora de distancia de Los Angeles. Ou incluso Raxó, que como Rajo, trasládanos a unha zona coñecida recentemente polo seu conflito armado. Está localizado na rexión de Alepo (Siria).
Tamén en Europa atopamos casos curiosos. Unha modesta comuna suiza comparte nome cunha de nosas rías. Trátase de Arosa, un enclave situado nos Alpes. Onde nós temos mar, praias e boa gastronomía, eles teñen neve, montaña e lagos de augas xélidas. Coñecida polo seu balneario climático, a Arosa suiza é todo un paraíso para esquiadores, excursionistas e amantes das actividades en plena natureza.
E menos raro é a coincidencia dalgúns dos nosos topónimos con localidades ou enclaves portugueses. Probablemente pola menor diferenza idiomática. Na zona do Algarve atopamos Poio, coñecido por ser un destino para os deportes de aventura en río, e preto da Serra do Gerês, ao norte do país, o distrito de Cerdedo.
E así poderiamos seguir, case, ata o infinito. Desde PontevedraViva animámosvos a que busquedes máis coincidencias no mapa. Visitar todas esas cidades será todo un reto para os máis aventureros.