Fernández Abraldes, sen medo ao bipartito co PSOE tras perder a maioría absoluta: "Xa estivemos catro anos e funcionou correctamente"
Por Natalia Puga
Xosé Manuel Fernández Abraldes seguirá sendo alcalde de Barro o próximos catro anos co BNG, pero con distintas regras do xogo que no último mandato, pois perdeu a maioría absoluta e está abocado a negociar co PSOE para gobernar. Esas negociacións aínda non empezaron, pero, en todo caso, el non lles ten medo, pois entre 2015 e 2018 nacionalistas e socialistas xa gobernaron en coalición.
O nacionalista sinala que nos próximos días "falaremos a ver a posibilidade de acordo", pero de momento el e o líder do PSOE, José Sanmartín, non estableceron máis contactos que felicitarse mutuamente na noite electoral.
En 2015 as negociacións foron rápidas porque "era algo moi evidente", a necesidade de negociar porque, por primeira vez, o PP perdía a alcaldía de Barro, pero "agora non hai esa urxencia".
En calquera caso, asegura que non ten ningún medo nin a esas negociacións nin ao goberno en coalición, pois "xa estivemos catro anos e funcionou correctamente". Xa gobernou das dúas formas, en solitario e co PSOE.
Abraldes recoñece que lle gustaría conservar a maioría absoluta, que perdeu ao baixar de seis a cinco concelleiros pero móstrase igualmente "moi agradecido" por poder ser a primeira forza no municipio.
Sobre os motivos desa baixada de votos, atópalle "certa explicación", pero descoñece "cales son as raíces", pois, en último termo, o voto é libre e secreto.
Esa explicación que lle atoparon é que en 2019 os votantes de Barro participaron de forma máis activa porque había "medo" a que o PP recuperase a alcaldía. Houbo parroquias nas que a participación superou o 83% "por ese medo e esa tensión que había que era posible" perder o Goberno.
Con todo, este 2023 había maior tranquilidade entre a cidadanía. Detectárono na campaña electoral, na que viviron que os seus votantes non estaban "tensionados" como en 2019.
É a única explicación que lle atopan porque asegura que durante o último mandato "non houbo conflito nin nada importante" que xustificase unha perda de votos.
O PSdeG de José Sanmartín foi segunda forza ao pasar dun a 3 concelleiros. O terceiro posto foi para Xuntos por Barro do exalcalde José Antonio Landín Eirín, partido que se estreaba nestes comicios e logrou 2 concelleiros. En cuarto e último lugar o PP de Eduardo Ruadas que só logrou un concelleiro dos catro de 2019.
Relacionadas:
-
O PP de Barro lamenta que o bipartito "esquilme as arcas municipais" cun aumento dos gastos en salarios
Por Redacción |
-
A abstención do PSOE facilita a Abraldes reeditar a Alcaldía de Barro
Por Redacción |
-
O PP de Barro esixe que o custo do novo goberno non supere os 44.000 euros anuais de soldos
Por Redacción |
-
Xuntos por Barro ofrécese a negociar para facer alcalde ao candidato do PSOE
Por Oskar Viéitez |
-
28M | Abraldes (BNG) repetirá na Alcaldía pero terá que pactar e o ex alcalde Landín regresa con dous concelleiros
Por María José Pita |