A tradición das 'fiadas' rexorde en Ponte Sampaio
Por Natalia Puga
A veciñanza do lugar do Vilar, en Ponte Sampaio, traballa para recuperar unha das citas festivas que décadas atrás reunía a todo o pobo ao redor da música e a celebración, os tradicionais seráns, que eles, a diferencia do que é habitual na maioría de Galicia, chaman 'fiadas'.
Esta primeira edición da súa propia 'fiada', a 'Fiada da Carballeira', será o venres 9 de xuño a partir das 21.30 horas na Carballeira do Vilar e servirá para abrir a programación das festas de San Antón, que se celebrarán durante esa fin de semana.
A programación incluirá na noite do venres a participación de grupos Poalleira, Veira do Río e Os do Matadeiro de Ponte Sampaio; Cortidoira de Monte Porreiro; Os Chispas do Lérez; e Morenos Peludos, de Pontevedra e Cambados.
As 'fiadas' tradicionais do Vilar adoitaban reunir veciñas e veciños nos baixos das casas e tiñan un gran poder de convocatoria que levaban ata este lugar a persoas chegadas desde toda a parroquia e mesmo de pobos máis afastados. Agora, neste intento de recuperar o esplendor de épocas pasadas, fan unha chamada á participación de toda a poboación que desexe compartir con eles o amor polo folclore e a tradición.
Clara, Rosa, Martín e Manolo son as artífices do evento e destacan que o Vilar é un pobo no que está "moi arraigado" o folclore tradicional galego. Lembran que "en tempos pasados os gaiteiros do Vilar eran reclamados dende moitos pobos para amenizar as súas festas" e que hoxe en día a tradición continúa e as novas xeracións do pobo seguen ligadas a diversos grupos tocando e bailando música tradicional.
Esta ligazón coa música tradicional galega é a que os levou a animarse con esta idea, que levaba tempo roldándolles na cabeza e "cada vez tiñan máis clara".
Para animalos a recuperar esta tradición foi fundamental o "gran éxito" que tiveron distintos eventos levados a cabo pola comisión de festas de San Antón, pois "deixaron claro o gusto do pobo polo folclore galego".
O nome do evento, a 'I Fiada da Carballeira', rende homenaxe a estas xuntanzas que noutras zonas de Galicia son máis coñecidas como 'seráns' e eles coñecen como fiadas e ás "fabulosas carballeiras" que se poden atopar na zona.
A organización agarda que esta sexa a primeira de moitas edicións desta nova tradición, que en 2009 intentaron recuperar cun 'serán' improvisado e agora ten xa moita máis organización detrás.
Tamén din á poboación que se teñen gañas de troula non dubide en acudir, e se sabe tocar algún instrumento o leve porque, ao remate da actuación dos grupos convidados, comezará a foliada aberta na que todos compartirán pezas e baile "ata que o corpo aguante".
Para coller forzas, haberá chouripan e viño do país a prezos populares.