Chegan catro meses e medio de visitas guiadas ás ruínas de San Domingos
Por Redacción
Este xoves 1 de xuño ábrense catro meses e medio nos que a cidadanía poderá coñecer as as ruínas de San Domingos a través de visitas guiadas.
Desde o 1 de xuño ata o 15 de outubro, o Museo de Pontevedra pon en marcha estas visitas guiadas, que serán todos os xoves ás 12:00 horas.
A cargo do equipo de Educación do Museo, o servizo propón un percorrido de 30 minutos de duración no que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio e das pezas expostas.
As visitas son de balde e non é necesaria a inscrición previa.
Este ano, as ruínas de San Domingos abriron as súas portas ao público o 1 de abril e permanecerán abertas ata o 31 de outubro.
O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. Os domingos e festivos abren só de mañá e os luns permanecen pechadas.
En 2022, un total de 111.662 persoas visitaron as ruínas de San Domingos, o que supón unha media de 13.958 visitantes cada mes. Foi o ano cun maior número de visitantes desde o 2011.
As ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade e un dos sete edificios que forman o Museo de Pontevedra, tras a incorporación do convento de Santa Clara. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.
Relacionadas:
-
Ampliada a oferta de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea a súa nova caseta de Turismo diante das Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
O Museo sumou máis de 5.400 visitas en Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
Retiran pezas das Ruínas de San Domingos ante as inminentes obras no IES Valle Inclán
Por Alejandro Espiño |
-
As Ruínas de San Domingos abrirán o 1 de abril xa preparadas para a nova tempada
Por Redacción |