Un condutor deberá pagar ao Concello 769 euros por danar un farol cando conducía bébedo
Por Natalia Puga
Un condutor deberá indemnizar ao Concello de Pontevedra por provocar danos no alumeado público con motivo dun accidente no que se viu implicado cando conducía baixo os efecto do alcohol. Chocou contra un farol e cando a Policía Local acudiu ao lugar para levantar atestado someteuno á proba de alcoholemia e detectou que ía ebrio.
O sinistro produciuse o 6 de decembro de 2013 na avenida de Bos Aires e o responsable deste foi condenado por un xulgado pontevedrés por un delito contra a seguridade do tráfico tras someterse a un xuízo rápido.
Como pena, o xuíz impúxolle unha multa de catro meses e o pagamento dunha indemnización ao prexudicado polo sinistro, o Concello de Pontevedra. A indemnización ascende a 769,80 euros e ten como fin reparar os danos ocasionados nun único farol do alumeado publico.