Tres dos acusados de formar parte dunha rede de narcotraficantes recoñecen os feitos na Audiencia de Pontevedra

Por Oskar Viéitez
Tres das persoas acusadas de formar parte da organización criminal que tentou colocar catro toneladas de cocaína a través da ría de Arousa recoñeceron a súa participación nos feitos polos que están a ser xulgados na Audiencia de Pontevedra. Os outros seis acusados, incluído o vilagarcián Carlos Silla, suposto xefe, negaron as acusacións.
A sección segunda do tribunal provincial iniciou este mércores o xuízo con este asunción de culpabilidade por parte Antolín Fernández Pajuelo, número dous desta rede, César R. e Daniel S.
Ao longo da sesión os avogados da defensa presentaron as cuestións preliminares nas que solicitaron a nulidade de todas as actuacións ao entender que a obtención da información nesta causa levou a cabo sen cobertura xudicial, que houbo fraude procesual, mesmo que se vulnerou o dereito á inviolabilidade do domicilio dun dos acusados ao subirse un axente a un muro para ver no interior do xardín da súa residencia.
O letrado que exerce a defensa de Carlos Silla insistiu especialmente na falta de autorización xudicial a unha baliza instalada nunha lancha asegurando que foi este elemento o que activou o despregamento policial, polo que toda a actuación debía invalidarse.
O fiscal antidroga, Pablo Varela, asegurou que dita baliza non foi o elemento causante e que apenas tivo transcendencia no operativo.
O fiscal reprochou aos avogados que "no hubo ni la más mínima novedad en el planteamiento de su impugnación" e que "todas estas alegaciones ya fueron objeto de un pronunciamiento anterior de esta misma Audiencia" que as desestimou.
Nunha longa exposición por parte do fiscal, durante a cal se durmiu un dos acusados, Pablo Varela explicou que esta investigación está "nutrida por un gran caudal de fuentes de prueba" e de "indicios ciertos y datos objetivos contrastados".
Tamén replicou que algunhas argumentacións das defensas conteñen un "desenfoque" da doutrina do Tribunal Supremo e criticou as "interpretaciones calumniosas de los letrados" cando insinuaron un "supuesto contubernio entre los fuerzas policiales y la autoridad judicial".
Finalmente o tribunal resolverá todas estas cuestións previas na sentenza e tamén aceptou a solicitude de cinco dos acusados para que a súa declaración se produza ao final das sesións, tras a práctica de toda a proba.
O xuízo retomarase este xoves ás 9.30 horas cos testemuños dos catro acusados que pediron declarar antes: Antolín Fernández Pajuelo, César R., Daniel R. e Miguel Ángel T.
Relacionadas:
-
A Fiscalía sostén que Carlos Silla dispoñía de toda unha frota de veleiros dedicada ao narcotráfico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Nova suspensión do xuízo contra unha rede acusada de introducir catro toneladas de cocaína a través de Arousa
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendido un xuízo por narcotráfico ao sufrir un accidente de tráfico un dos acusados cando ía camiño da Audiencia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |