Catalina González: "Non farei nin fixen nunca un negocio con cargo á política"
Por Oskar Viéitez
Ao longo de tres horas e media nun pleno extraordinario, a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González Bea, respondeu ás preguntas da oposición sobre a súa imputación na investigación urbanística que dirixe o Xulgado de Cambados.
Catalina González insistiu na súa inocencia sobre as súas imputacións por prevaricación, suborno e tráfico de influencias en relación con tres expedientes tramitados pola Xerencia Municipal de Urbanismo.
"Eu son inocente, cada minuto que pasa teñoo máis claro", defendeuse González Bea que advertiu aos particulares que a levaron ao xulgado de que "plantexar unha denuncia falsa é delito. Non ameazo a ninguén, son eu a ameazada, porque o dano que a min e a miña familia se lle fixo, iso non ten volta atrás".
A alcaldesa afirmou "eu non beneficiei a ninguén e ninguén me deu nada. Tráfico de influencias: cero".
"Eu traballo no Concello, a min os veciños páganme un soldo de 2.700 euros ao mes por facelo meu traballo e diso vivo. Non farei nin fixen nunca un negocio con cargo á política", proclamou.
A pesar dos reiterados intentos por parte dos grupos da oposición ao longo dos oito puntos que conformaron a orde do día, non houbo máis explicacións por parte da rexedora xa que esta dixo descoñecer os motivos deste proceso "que está a ser moi doloroso para moita xente".
Os representantes do BNG, PSOE e de SAL esforzáronse en reclamar datos sobre os expedientes ou o resto de particulares, políticos e técnicos imputados, pero as respostas cinguíronse á persoa da alcaldesa.
"Sanxenxo foi un Concello moi cobizado por moitísima xente, iniciativa privada e pública"
"A imaxe do urbanismo de Sanxenxo tristemente está baixo sospeita dende principios de século, porque Sanxenxo foi un Concello moi cobizado por moitísima xente, iniciativa privada e pública, e que tivo un desenrolo nos anos 70 e 80 espectacular. O que se me doe moitísimo e que por culpa destas denuncias estea asociado a casos concretos de delitos que estou segura que non teñen ningún fondo e que espero que se resolvan canto antes" dixo Catalina González antes de engadir que "se de algo estou escapando dende decembro do 2006 que cheguei a alcaldía e de dar esa imaxe de urbanismo negativo senón que se fale do seu valor turístico. Pero non son capaz de conseguilo".
Ademais o goberno local negouse "respetando la presunción de inocencia" a apartar os técnicos imputados, tal e como pediron dende a oposición. A concelleira de urbanismo, María Deza, indicou que a investigación está en fase de dilixencias previas e "no hay razones legales" para adoptar esta medida "precipitada".
Finalmente rexeitouse por "desorbitada e sen sentido" a contratación dunha auditoría externa sobre toda a xestión urbanística dende o ano 2004 ata a actualidade de todas as actuacións da Xerencia de Urbanismo.
A alcaldesa invitou a oposición a elaborar unha relación con aqueles expedientes máis controvertidos para que a corporación xunto aos técnicos poida estudalos en profundidade e atender a todas cantas explicacións sexan oportunas.
Relacionadas:
-
O último xerente de Urbanismo de Sanxenxo, imputado por tráfico de influencias
Por Redacción |
-
Optan por non declarar os promotores dun dos edificios investigados en Sanxenxo por corrupción
Por Redacción |
-
Lamentan a "persecución" nas redes sociais a unha concelleira de Sanxenxo "por unha frase que non pronunciou"
Por Redacción |
-
Cuíña pide a dimisión da portavoz do PP en Sanxenxo polas súas referencias ao franquismo nun Pleno
Por Redacción |
-
Catalina González explicará en Pleno este luns a súa imputación na presunta trama urbanística
Por Redacción |