A parroquia de Santa María a Maior celebra a festa da Santísima Trindade e comeza a preparar o Corpus
Por Redacción
Este domingo, 4 de xuño, a Igrexa Católica conmemora a solemnidade da Santísima Trindade. En Pontevedra, con tal motivo, a parroquia de Santa María a Maior está a organizar unha xornada de convivencia para celebrar o fin do curso pastoral.
Dará comezo cunha misa solemne, ás 12:30 horas na Real Basílica. Ao seu termo, a imaxe da Santísima Trindade, nun anda levada pola Confraría do Espírito Santo, sairá en procesión pola Avenida de Santa María. Logo, sobre as dúas da tarde, haberá unha comida de confraternidade no Centro Social Parroquial.
Ademais, o martes 6, a Real Basílica acollerá, ás once da mañá, a misa de festa da Confraría da Santísima Trindade, da que son membros os sacerdotes da cidade e dos seus arredores. Esta Confraría, decana en Pontevedra, ten a súa sede precisamente na Basílica, nunha das súas capelas.
Por outra banda, este xoves 1 de xuño, chegarán a Pontevedra cinco membros da Comunidade das Hermanitas e Hermanitos do Cordeiro, permanecendo na Boa Vila ata o día 7. Os piares desta comunidade son a oración e a pobreza, buscando vivir o Evanxeo como mendicantes.
Nesta parroquia de Santa María a Maior de Pontevedra participarán en diversas celebracións, tendo con eles unha Escola da Palabra, este venres, 2 de xuño, ás 20:30 horas.
Para a celebración de Corpus Christi, xa desde o luns 5 poderanse levar ao Centro Social desta parroquia flores e verde, para confeccionar as alfombras destinadas a engalanar o paso da procesión pola Avenida de Santa María.
Desde a parroquia informan as persoas interesadas en participar que poden sumarse ao grupo de voluntarios que, de luns a venres, estarán alí separando e ordenando follas e pétalos, en horario de 10 a 13.30 horas e de 16 a 20:30 horas.
A preparación das alfombras levará a cabo no serán do sábado 10.