Falar de quen presidirá a Deputación de Pontevedra "non toca nestes momentos", afirma Rueda
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, sinalou este mércores que "non toca nestes momentos" decidir quen presidirá a Deputación de Pontevedra, organismo que gobernarán os populares tras oito anos de bipartito entre PSdeG-PSOE e BNG.
"Alégrome de que sexa un asunto para resolver pero non estamos niso", sostivo Rueda, a preguntas dos xornalistas en Pontevedra, onde reuniu á xunta directiva do seu partido para analizar os "magníficos" resultados do 28M na provincia.
O presidente do PP galego asegura que máis que decidir que persoa liderará a deputación pontevedresa "interésame máis en que sexa unha institución útil" tras oito anos "nos que non había transparencia nin un trato igualitario entre os concellos".
Alfonso Rueda garantiu que os populares apostarán por "facer unha política diferente" en favor de todos os municipios, algo que "é máis importante que quen a presida" xa que lembrou que, en todo caso, "será un concelleiro do PP".
Preguntado sobre se a candidatura popular en Vigo, Marta Fernández-Tapias, encaixaría no perfil que busca o partido, Rueda sostivo que "como moitos outros" e pediu atrasar este debate ata que se constitúan as corporacións municipais que saíron das urnas.
A este respecto, o líder do PPdeG reivindicou o dereito para formar goberno dos candidatos que se quedaron "a poucos votos" da maioría absoluta e que foron os máis votados nos seus municipios, fronte aos pactos que xa anuncian socialistas e nacionalistas.
"O PSOE segue sen entender nada da provincia de Pontevedra e por iso aínda non entenden por que perderon a Deputación", subliñou o dirixente popular, que considera que os socialistas chaman goberno de progreso "a calquera cousa que implique que non goberne o PP".
Con respecto ao 28M, Alfonso Rueda fixo un balance "moi positivo" do resultado electoral do partido en provincia, especialmente por lograr aumentar o voto urbano que, segundo recoñeceu, era a "materia pendente" dos populares.
Recuperar o goberno provincial, sentenciou, foi o "gran colofón" ao momento que atravesa o PP en Pontevedra, que segundo Rueda é de "especial alegría" e que demostra que están "moi en forma para o que está por vir".
Relacionadas:
-
Luís López cesa como delegado da Xunta en Pontevedra e relevarao Agustín Reguera
Por Natalia Puga |
-
Bágoas de emoción entre os concelleiros saíntes no último pleno do mandato
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A Deputación recibe 2,5 millóns para a transformación dixital de concellos de menos de 20.000 habitantes
Por Redacción |
-
Instan ao PP a non recuperar as axudas económicas ás touradas desde a Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva recoñece a inesperada perda da Deputación: "Para nada esperaba este resultado"
Por Natalia Puga |
-
28M | O PP recupera a Deputación "contra todo prognóstico" por tres deputados decisivos en Pontevedra, Vigo e Tui
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |