A ANPA San Xosé do CEP Campolongo promove o uso da bici este domingo na Pedalada 2023
Por Redacción
Este domingo 4 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente e a Asociación de Nais e Pais San Xosé do Colexio Campolongo celebrará a Pedalada 2023, que chega xa ao seu décimo oitava edición.
O paseo está destinado a escolares, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos do centro acompañados polas súas familias e todas aquelas persoas que queiran inscribirse. Realizarán unha volta, sen ánimo competitivo, en bicicleta ou en calquera outro vehículo de rodas sen motor polas rúas céntricas da cidade.
A intención é realizar unha xornada de convivencia ao aire libre fomentando o transporte limpo e sostible.
Veteranos de Ciclismo Froiz serán os encargados de abrir o pelotón da Pedalada e axentes da Policía Local de Pontevedra e representantes de Protección Civil encargaranse de regular o tráfico durante a actividade. Tamén está prevista a presenza dunha ambulancia da Cruz Vermella, que circulará na parte final da comitiva.
O percorrido iniciarase ás 12.00 horas do domingo, partindo do centro escolar e realizando un percorrido por distintas rúas achegándose ata Eduardo Pondal, Benito Corbal, Peregrina ou Raíña Vitoria ata finalizar no Colexio Campolongo.
A duración do paseo será de ao redor de media hora e a velocidade máxima establécese en 20 km/h.
Ao finalizar o percorrido, no propio centro, realizarase un sorteo de agasallos entre os escolares participantes con dorsal nun acto animado por Javi Solla.