Chamamento á participación cidadá na confección das alfombras florais de Bueu
Por Redacción
O sábado 10 e o domingo 11 de xuño serán as xornadas de celebración da Festa das Alfombras Florais 2023, unha tradición na que se precisa a colaboración cidadá para a creación das alfombras.
Este xoves presentábanse as actividades previstas para esta edición a cargo do alcalde Félix Juncal e do concelleiro de Cultura Xosé Leal, ambos en funcións; acompañados polo párroco José López e diferentes representantes de colectivos que participan nesta festa considerada de Interese Turístico Galego desde 2017 e de Interese Local desde 2022.
A celebración comezará o sábado a partir das 22.00 horas coa representación da obra 'Habitarme' da Compañía de Danza e Teatro Al lío no Centro Social do Mar, con entrada libre. Trátase dunha peza de danza teatro e trata sobre mulleres diversas que cuestionan determinados temas.
A partir das 00.00 horas comezarán a realizarse os mantos florais. A asociación Cunchas e Flores utilizará un modelo básico de alfombra para cubrir os ocos baleiros nos tramos da calzada nos que non se elaboren estes tapices.
As persoas interesadas en confeccionar as alfombras deben cubrir, ata o 5 de xuño, o formulario creado polo Concello para a solicitude de material, tanto de maneira telemática como acudindo ás oficinas municipais. O material dispoñible será cebada, trigo, cola ou rotuladores, entre outros.
A procesión sairá desde a Igrexa de San Martiño e continuará por Ramón Bares, Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos e Eduardo Vicenti para finalizar en Santan.
Durante o domingo, ás 18.00 horas celebrarase a misa solemne do Corpus Christi coa intervención da Coral Polifónica de Bueu, acompañada pola Banda de Música Artística de Bueu, na Igrexa de San Martiño.
Ás 21.00 horas, no aparcamento de As Lagoas, actuará a orquestra pontevedresa 'La Oca Band'. Non haberá atraccións, segundo indicou Xosé Leal, debido á complexidade para a dispoñibilidade de espazos.