Dez arousanos, entre eles 'Vitriño', sentan no banco por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Natalia Puga
Dez persoas sentaranse esta semana no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un presunto delito de tráfico de drogas polo que o fiscal solicita que sexan condenados a penas que van entre os nove e os catro anos e medio de prisión.
Un dos que se enfronta a unha pena menor é Víctor Manuel García Paz, coñecido como 'Vitriño'. Este arousano de 31 anos xa foi xulgado en dúas ocasións por tráfico de drogas e branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico e de ambos os dous procedementos resultou absolto por non se encontrar probas da súa vinculación con esta actividade ilícita. Por narcotráfico chegou a ser condenado a dez anos de prisión, pero o Tribunal Supremo absolveuno. Agora, o fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, pide para el catro anos e seis meses de prisión e o pagamento dunha multa de 60.000 euros.
Este xuízo é froito dunha investigación da Unidade de Delincuencia e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional iniciado en decembro de 2008 ante as numerosas noticias acerca de venda de cocaína e heroína na zona de influencia de Vilagarcía de Arousa. Os investigadores quixeron corroborar esta actividade de narcotráfico e ao longo de 2009 constataron diversas operacións realizadas por un tramado delituoso que estaría liderada polos irmáns Juan Miguel e José Luis G.S, de Vilanova de Arousa.
Así, comprobaron que Juan Miguel G.S., coñecido como 'Juanjo', que agora se enfronta a nove anos de prisión, desenvolvía unha intensa actividade de venda de cocaína e, en menor, medida, heroína. Nalgunhas ocasións levaba a cabo funcións de intermediación na venda, obtendo beneficios por poñer en contacto a vendedor e comprador, e outras veces adquiría el directamente a droga, a 'cortaba' e vendíaa xa adulterada. Nestas operacións colaboraba activamente con el o seu irmán José Luis G.S., para quen o fiscal pide sete anos e seis meses de prisión.
Dentro desas actividades, en marzo de 2009 contactou co imputado J.A.L.P. (para quen o fiscal pide cinco anos de prisión) para venderlle cocaína. O intercambio incluíu varios procesados máis, entre eles T.A.I. (enfróntase a seis anos) e D.V.M., enviado para esta transacción por J.A.L.P., pero non imputado nesta causa porque foi detido coa droga que acababa de comprar e xulgado noutro procedemento polo que o condenaron a tres anos de prisión.
Outro dos clientes habituais de 'Juanjo' era o tamén procesado R.C.L., co alcume 'Colegio', que regularmente lle compraba candidades importantes de cocaína para vender a pequena escala os consumidores finais. Os investigadores rexistraron un intercambio de cocaína o 29 de xuño de 2009 entre 'Colegio' e os irmáns G.S.
O fiscal sostén que 'Vitriño' está "intimamente relacionado" cos irmáns G. S. e que a investigación da UDYCO puido determinar numerosos contactos entre eles coa finalidade do tráfico ilícito de cocaína. Un deses contactos produciuse o 14 de xullo de 2009 no polígono industrial de Tremoedo coa implicación do tamén procesado J.A.R.P. para quen piden catro e anos e seis meses de prisión.
Un dos clientes de 'Vitriño' era o procesado M.M.G., que, segundo o fiscal, lle compraba cocaína para logo distribuíla a menor escala entre consumidores finais, e para quen pide catro anos e medio de prisión. Rexistráronse encontros entre ambos os dous e tamén C.S.S., que se enfronta aos mesmos catro anos e seis meses.
Un dos clientes de Juan Miguel. G.S. era o tamén imputado G.G.D., a quen lle ofrecía e compraba cocaína e que tamén realizou algunha venda de haxíx. Para el piden catro anos e medio de prisión.
Relacionadas:
-
Condena por narcotráfico para 'Vitriño': catro anos e medio de prisión
Por Redacción |
-
A ausencia de dous maxistrados obriga a suspender, por cuarta vez, o xuízo contra "Vitriño"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A renuncia dun avogado volve obrigar a suspender o xuízo contra dez arousanos por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A Audiencia retomará en marzo o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína
Por Redacción |
-
A Audiencia suspende o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |