Visto e prace ao convenio para 'A Gastromeca', o plan de sustentabilidade turística do Grove con fondos europeos
Por Redacción
O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa reunión deste xoves a subscrición do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello do Grove para a execución do Plan de sustentabilidade turística O Grove, 'A Gastromeca'.
Trátase dun proxecto para a construción dun novo modelo turístico baseado na emoción e a autenticidade a través da súa cultura gastronómica no marco do Plan territorial de sostibilidade turística enogastronomía de Galicia.
Este plan conta cun orzamento de dous millóns de euros do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Este plan ten como obxectivo consolidar O Grove nun destino turístico cunha oferta diversificada e desestacionalizada, tendo como alicerces fundamentais a transición verde e sustentable e a dixitalización.
Tamén pretende crear novos fluxos turísticos para aumentar a visibilidade da zona rural de San Vicente e converter a gastronomía no fío condutor para impulsar o resto dos recursos do destino.
Como accións emblemáticas destacan a adecuación verde e eficiente do museo da salgadura Salgadeiras de Moreiras e do mercado de abastos, co fin de dar acollida a eventos gastronómicos auténticos e diferenciadores.
Inclúe tamén a campaña de concienciación ambiental sobre a separación dos biorresiduos destinados á súa reciclaxe, a ruta dos muíños da Cova da Loba, iluminación eficiente no parque dos Grobbits; instalación de bicicletas eléctricas e puntos de recarga, creación de áreas de descanso e puntos de auga nos paseos marítimos, destino pet friendly, proxecto de creación de refuxios oníricos e a rehabilitación das pasarelas de acceso a praias con establecementos de restauración, entre outras.