O paro descende en Pontevedra o dobre da media estatal: 1.914 parados menos, un 3,53%
Por Redacción
O descenso do paro rexistrado no conxunto de España no mes de maio tamén se confirmou en Pontevedra, aínda que nesta provincia o descenso foi maior que a media estatal.
O número de parados rexistrados nas oficinas pontevedresas do servizo público de emprego situouse ao peche de maio en 52.270, o que supón que 1.914 persoas deixaron de estar rexistradas como demandantes de emprego.
O descenso de número de desempregados foi, por tanto, na provincial, do 3,53%, fronte á media estatal do 1,8%. No conxunto de Galicia, a media foi similar á de Pontevedra, do 3,52%.
En Galicia, os demandantes de emprego baixaron en 4.909 persoas en maio en relación ao mes anterior, impulsado, sobre todo, polo sector servizos, que concentrou máis do 75% da caída do desemprego.
Segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, en España hai 49.260 desempregados menos e, con respecto ao resto do país, Galicia situouse como a terceira rexión do país onde máis caeu o paro en cifras absolutas, só por detrás de Andalucía (-6.521) e de Castela-A Mancha (-6.138).
Galicia pechou maio con 134.434 desempregados, un 8% menos que en maio de 2022, con 11.686 persoas que xa non están anotadas ás listas de procura de emprego.
Por provincias, en maio o paro baixou na Coruña en 1.966 persoas, un 3,51% menos, ata 54.119 persoas. En Lugo descendeu en 385 persoas, ata 12.570, un 2,97% menos. En Ourense baixou en 644, un 4% menos, ata 15.475.
En España, a baixada do paro en maio deste ano, a terceira consecutiva tras a de marzo e abril, é inferior ás caídas experimentadas nos maios de 2022 e 2021, cando o desemprego baixou en 99.512 e 129.378 persoas.
O retroceso deste ano foi superior ao rexistrado en maio de 2020, cando a pandemia provocou un repunte do paro de 26.573 desempregados. Excluíndo 2020, a diminución do paro en maio deste ano é a menos avultada desde 2012, cando o desemprego reduciuse en algo máis de 30.000 persoas.