A terra das obras da A-57 volve tinguir o río Gafos de marrón
Por Manu Otero
O río Gafos volve lucir, unha vez máis, unha turbia cor marrón ao seu paso polo centro de Pontevedra. Peóns que paseaban esta mañá de venres polo paseo fluvial alertaron a PontevedraViva da intensa cor marrón das súas augas e cheiro a augas fecais.
Aos integrantes do colectivo ecoloxista Vaipolorío xa non lles sorprenden estes sucesos e teñen identificada a fonte contaminante. "Veñen das obras da A-57", explican desde a asociación a orixe dun problema do que xa advertiron en numerosas ocasións ás administracións competentes sen que se atope unha solución.
Cada vez que chove con forza, as choivas arrastran terra e area desde o monte da Fracha, onde se está construíndo a autovía, que acaba tinguindo de marrón todo o leito do río ata a súa desembocadura. Por fortuna, estas verteduras non provocan morte na fauna fluvial, pero estas achegas antinaturais de terra e area si que están a alterar a sedimentación na desembocadura do río.
Desde o colectivo ecoloxista denuncian que a empresa construtora non conta coas barreiras anticontaminación necesarias para evitar estas verteduras e esixen ás autoridades responsables que visiten a obra e realicen as inspeccións necesarias para atallar o problema dunha vez por todas.
"Sempre que chove danse uns arrastres tremendos", denuncian. Voluntarios do colectivo realizan un seguimento diario destas incidencias e detectaron que as verteduras comezan á altura das localidades de Figueirido e Bértola, xusto á altura do monte da Fracha.
Doutra banda, a alerta de hai uns días polo baixo nivel do río quedou xa desactivada coas choivas dos últimos días, que provocaron un notable aumento do caudal.
Relacionadas:
-
A construción dun paso superior na N-550 provocará desvíos de tráfico en Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío recolleu 220 quilos de lixo no tramo urbano do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío denuncia o abandono de preto de 300 litros de aceite usado a beiras do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío advirte da escaseza de caudal do río Gafos nesta primavera
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Vaipolorío denuncia o "enésimo episodio" de vertedura ao Gafos desde o mesmo sumidoiro
Por Redacción |