Incautan cocaína e cen mil euros en xoias ao grupo criminal desarticulado en Pontevedra e Ourense
Por Redacción
A Garda Civil, no marco da Operación Larimar, detivo a dez persoas como presuntos autores de dous roubos con violencia e intimidación, ocorridos o pasado día 13 de marzo e o día 4 de maio. Destes arrestados tres xa quedaron en liberdade o día da detención, á espera de xuízo e os outros sete ingresaron en prisión este venres.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense, iniciou a investigación o pasado día 4 de maio, por mor dunha denuncia por un roubo ocorrido nunha vivenda situada na localidade ourensá de Soutopedo, onde catro persoas encapuchadas, tras acceder ao interior da vivenda, ameazaron e amordazaron a dous moradores, e apoderáronse de xoias por valor de máis de 100.000 euros e de máis 10.000 euros en efectivo.
No transcurso das investigacións a Garda Civil tivo coñecemento doutro roubo con violencia e intimidación con resultado de lesións graves, ocorrido nunha rúa dun Polígono Industrial próximo á cidade das Burgas, onde dous individuos que circulaban nunha motocicleta de gran cilindrada abordan a unha señora que camiñaba pola beirarrúa e tras ameazala cun pistola, tírana ao chan e apodéranse dun bolso que contiña a recadación dunha empresa, que a señora ía levar ata unha sucursal bancaria próxima ao lugar do roubo. A señora tivo que ser trasladada en Ambulancia, a un Centro Sanitario con lesións graves na cara.
Os gardas civís encargados da investigación, lograron pescudar que a banda criminal elexía ás vítimas dos roubos, e realizaban varias vixilancias ao obxecto de obter datos dos seus costumes e horarios.
Tras realizar varias investigacións, o día 31 de maio e de forma simultánea a Garda Civil realiza sete entradas e rexistros en varias domicilios de Ourense, Pontevedra e Barcelona, onde deteñen a 10 persoas, como presuntas autoras dos delitos de roubo con forza e violencia, pertenza a grupo criminal, tenencia ilícita de armas, lesións e delito contra a saúde pública.
Nos rexistros, ademais de diferentes efectos utilizados durante os roubos (pasamontañas, chaves de parafusos, cascos de moto…), incáutanse dunha pistola de fogo, xoias, diñeiro en efectivo, 650 gramos de cocaína, 1 motocicleta e 1 vehículo.
A investigación está a ser dirixida polo Xulgado de Instrución número un de Ourense.
Relacionadas:
-
Aumentan un 20% as agresións sexuais no ocio nocturno respecto a 2022 nos primeiros cinco meses do ano
Por Anxo Lourido |
-
A última redada en Joaquín Costa deixa cinco detidos e desarticula un punto de venda de cocaína
Por Natalia Puga |
-
Dúas operacións policiais cruzadas acaban con dous detidos na cidade por tráfico de drogas e roubos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Diego Espiño |
-
Rexistros en pleno centro de Pontevedra nunha operación policial contra os roubos con violencia e tráfico de drogas
Por Natalia Puga & Diego Espiño |