O CEE Vilagarcía, o CEIP San Martiño e o IES A Xunqueira II, premiados como Polos Creativos
Por Redacción
Durante esta xornada realizábase unha exhibición dos mellores proxectos de Polos Creativos na que resultaron premiados 21 colexios e institutos galegos, entre os que figuran o CEIP San Martiño, o IES A Xunqueira II e o CEE Vilagarcía.
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, visitaba os diferentes postos destes centros de formación para comprobar as propostas impulsadas a partir de material de desperdicio.
O conselleiro anunciou que a partir do próximo curso a totalidade de colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinos regladas de 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria contarán con estes espazos tecnolóxicos co obxectivo de potenciar un sistema de educación innovador e adaptado ás necesidades do futuro.
Nesta edición presentáronse 75 propostas.
O CEE Vilagarcía gañaba a modalidade do mellor proxecto de fomento de hábitos de vida saudable e sostible coa creación dunha empresa de reprografía elaborada polo alumnado do ciclo de Formación Profesional Básica adaptada
O CEIP San Martiño presentábase na categoría de mellor material científico-matemático cun gravímetro caseiro para medir canto tempo tardan os obxectos en caer e determinar a súa aceleración. Lograba un accésit.
Tamén o IES A Xunqueira II conseguía un accésit na categoría de mellor proxecto de fomento de hábitos de vida saudable e sostible ao presentar unha proposta de reciclaxe de roupa, creando novos produtos Upcycling.