Posta a punto da praia fluvial do Lérez ante a chegada da calor
Por Redacción
A concellería de Desenvolvemento Sostible iniciará nos próximos días os traballos para poñer nas mellores condicións a praia fluvial do río Lérez.
Achegaranse 10,5 metros cúbicos de area por parte da empresa EC Casas á praia co obxectivo de tapar aquelas zonas nas que se detecta a malla de protección e un tubo de desaugadoiro. A mediados de xuño instalarase unha baliza perimetral de bollas amarelas, cun a extensión de 175 metros para sinalar a área que se atopa limitada para o baño.
Ademais, xa se contratou á firma Salvar, Formar e Socorrer SL para que se encargue do servizo de socorrismo entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, durante todos os días entre as 13.00 e as 20.30 horas. Iván Pontes, concelleiro responsable da área, indica que haberá dous socorristas de luns a venres en horario de tarde mentres que permanecerá un o resto do tempo.
Tamén a empresa Prezero España SAU encargarase do servizo de limpeza dos baños e da praia, ademais das zonas verdes próximas. Os aseos serán limpados dúas veces cada día.
A cartelería anuncia unhas zonas de baño permitido, con precaución debido ao perigo das correntes de baixada e subida da marea. Tamén está prohibido fumar no areal.
O diñeiro destinado a estas contratacións supera os 31.000 euros: 18.053 destínanse a socorrismo; 5.861 destínase á achega de area; 5.071 para a limpeza dos baños e do areal e 2.238 serán para a instalación das balizas na auga.