Costas traslada a setembro as actuacións para eliminar o cadillo e voltear a area da Concha-Compostela
Por Redacción
A dirección xeral de Costas decidiu trasladar á terceira semana de setembro, é dicir, xusto despois de rematar a tempada de baño, as actuacións de mellora na praia da Concha e Compostela, tanto para a eliminación do "cadillo" coma para o volteado da area.
Como vén sendo habitual no Concello de Vilagarcía antes de que arranque o verán, reuniuse o denominado "comité de praias" que estipula a normativa das Bandeiras Azuis e do que forman parte técnicos e responsables políticos das concellerías de Medioambiente, Turismo, Obras e Seguridade Cidadá.
Foi no transcurso desa xuntanza cando se deu conta da decisión de Costas, que xa ten practicamente rematado o proxecto pero prefire que a empresa Tragsa non comece coas obras ata setembro, para non interromper agora o uso destas praias urbanas.
A actuación consistirá na eliminación da capa (20/30 centímetros) na que se fixou o "cadillo" e, por outra, o volteado da area nunha profundidade de 1 a 2 metros, onde se atopan os aportes dos anos 90, de mais calidade que os actuais. A superficie a intervir rolda os 60.000 metros cadrados.
TRES CHIRINGUITOS
O comité de praias tamén tivo coñecemento de que a xefatura de Costas en Pontevedra autorizou este ano a instalación de tres chiringuitos (dous máis que o ano pasado) na Concha-Compostela. Os concesionarios teñen a obriga de situarse a unha distancia mínima de 15 metros do paseo marítimo. Ademais destas instalacións, durante o verán funcionará igualmente o quiosco e terraza que o concello habilitou no parque da Compostela, de xeito que tanto os areais coma o propio paseo terán este ano novos alicientes para o lecer.
QUINCE PAPELEIRAS NO PASEO, NON NA PRAIA
Por último, e de acordo coa citada normativa de bandeiras azuis, no comité deuse conta de que todas as papeleiras e pequenos contedores ata agora existentes nas praias serán retirados, contribuíndo así unha maior concienciación sobre o coidado do medioambiente. Trátase, por iso, de animar aos usuarios a que non deixen o lixo no areal. Como contrapartida, instalaranse 15 novas papeleiras ao longo do paseo marítimo.
DOCE SOCORRISTAS
A temporada de praia comezará oficialmente o vindeiro día 1 de xullo e darase por concluída na segunda semana de setembro. Para ofrecer o mellor servizo, o concello contratará este ano 12 socorristas, cuxo proceso de selección comezará o vindeiro día 14. Os profesionais atenderán no só as praias don bandeira azul (Campanario-Bamio e A Compostela) senón tamén as da Concha e O Preguntoiro, en Vilaxoán.