Detidos en Pontevedra por unha estafa na venda a domicilio de supostos produtos curativos
Por Natalia Puga
Unha empresa de Pontevedra viuse implicada nunha investigación da Garda Civil por un delito de estafa continuada na que a maioría das vítimas eran persoas de avanzada idade con dificultades cognitivas que vivían soas ás que vendían produtos con supostas calidades curativas.
A Garda Civil de Arteixo, responsable da investigación, detivo a 6 responsables de empresas dedicadas á venda de artigos a domicilio, unha delas con sede en Pontevedra. Tamén están implicadas empresas de Sada e Culleredo.
A investigación comezou no ano 2020. Axentes da área de investigación da Garda Civil de Arteixo tiveron coñecemento dunha posible estafa mediante a venda de produtos a domicilio, entre eles, colchóns, libros, electrodomésticos, enciclopedias ou produtos de saúde.
Vendíanse estes produtos a prezos desorbitados ou "garantindo propiedades curativas máis que cuestionables", segundo informa a Garda Civil
Os axentes pescudaron que estas empresas aproveitaban a vulnerabilidade das vítimas para enganalas na contía dos artigos, os pagos en man ou en conta e a duración dos financiamentos, obtendo moitas veces a firmas para os financiamentos mediante a presentación dun falso albará de recepción de agasallos sen custo por ser bos clientes.
Os investigadores lograron a identificación plena dos presuntos autores e o esclarecemento de 12 estafas.
A Garda Civil procedeu á detención destas 6 persoas como presuntos autores dun delito de estafa continuada. A causa levará no Xulgado de Instrución número 6 da Coruña.