Pablo Varela, actual responsable Antidroga, será novo fiscal xefe de Pontevedra
Por Natalia Puga
Juan Carlos Aladro deixará de ser fiscal xefe da Fiscalía Provincial de Pontevedra tras 16 anos. Para substituílo, chega un dos membros do ministerio público actualmente con máis proxección na provincia, Pablo Varela, actual responsable Antidroga. Estará á fronte do ministerio público na provincia o próximos cinco anos.
O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, presidiu este xoves a reunión do Consello Fiscal e formulou nove propostas de nomeamento para cubrir outras tantas prazas nas distintas fiscalías españolas, entre elas, a Xefatura de Pontevedra.
García Ortiz decántase por Pablo Varela Castejón entre os tres candidatos que aspiraban ao cargo. Ademais do elixido, Juan Carlos Aladro Fernández aspiraba á reelección e presentábase Juan Antonio Sagredo Cañavate.
A proposta do fiscal xeral debe ser agora refrendada en Consello de Ministros.
Fiscal desde 2006, Pablo Varela é dunha familia moi coñecida en Pontevedra e de longa tradición xudicial, pois é fillo do ex maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela e da ex concelleira socialista Margarita Castejón. Tamén o seu irmán, Xermán Varela, é membro da xudicatura, destinado durante anos ao Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra e tamén, en comisión de servizos, nas audiencias de Pontevedra e A Coruña.
Pablo Varela desenvolveu a práctica totalidade da súa carreira na Fiscalía Provincial de Pontevedra, onde estivo adscrito ás seccións de Menores e Antidroga.
Desde 2017, é fiscal delegado da Fiscalía Especial Antidroga, sección que dirixe e coordina, e converteuse en punto de contacto da Rede de Fiscais Antidroga de Iberoamérica (RFAI).
Juan Carlos Aladro leva como fiscal xefe de Pontevedra desde o ano 2007, onde chegou procedente da Fiscalía de área de Vigo, na que foi especialista en delitos contra a ordenación do territorio e o medioambiente. Tamén estivo destinado en Pontevedra e Cambados.
Relacionadas:
-
Servando Caíño nomeado delegado antidroga na Fiscalía Provincial
Por Oskar Viéitez |
-
O ex fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, novo conselleiro do Consello de Contas de Galicia
Por Natalia Puga |
-
Emotivo cambio na Fiscalía, que abre unha etapa "aberta, accesible e transparente" con Pablo Varela á fronte
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Juan Carlos Aladro, fiscal xefe de Pontevedra outros cinco anos
Por Redacción |