O 72,2% dos xulgados por delitos sexuais en Pontevedra acaban condenados, por debaixo da media galega
Por Natalia Puga
Os delitos sexuais marcaron a actualidade xudicial en España durante o ano 2022 e Galicia non é allea a esa realidade. Sentaron no banco dos acusados das audiencias provinciais -órganos que xulgan os casos de maior gravidade- 88 persoas.
De media, sentaron no banco dos acusados case dúas persoas á semana para responder por este tipo de delitos, tendo en cuenta que o mes de agosto e os días comprendidos entre o 24 e o 6 de xaneiro son inhábiles, e que, por tanto, non se celebran vistas.
Nas tres seccións da Audiencia Provincial de Pontevedra celebráronse 30 vistas por delitos de abusos ou agresións sexuais, das que 12 tiveron lugar na sección quinta, desprazada en Vigo, e 18 nas seccións segunda e cuarta da capital.
Dos 18 homes xulgados por estes delitos na capital, 13 foron condenados, o 72,2% do total, mentres que en Vigo foron condenados 11 de 12, o 84,6%.
Segundo as estatísticas oficiais, a porcentaxe de condenas de Pontevedra foi a terceira máis baixa de Galicia e situouse por baixo da media. Das 86 persoas axuizadas o ano pasado nas audiencias provinciais de Galicia por delitos contra a liberdade sexual, 63 foron condenadas, é dicir, o 73,2 %, un punto máis que en Pontevedra.
Tan só foi interior na Coruña (63%) e Santiago (66,6%), mentres que en Vigo (84,6), Lugo (81,2) e Ourense (83,3 %) son máis os casos que acabaron en condena.
Os datos figuran na Memoria da Actividade Xudicial dos Tribunais e Xulgados de Galicia de 2022 que o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presentou este xoves.
En Galicia, celebráronse 85 vistas por delitos contra a liberdade sexual, nas que axuizaron a 86 homes acusados de cometer delitos de abusos ou agresións sexuais -catro deles en grao de tentativa- sobre 93 presuntas vítimas, 61 delas, é dicir, o 65,6 %, menores de idade.
Na maioría dos casos -nun 89,2 %-, as vítimas tiñan unha relación previa cos acusados, quen case sempre formaban parte do seu círculo familiar.
Díaz-Castroverde mostrou a súa preocupación polos datos dos delitos sexuais e chamou a "afrontar o problema desde todos os ámbitos" para "conseguir unha transformación social real que acabe coa violencia sexual e a violencia de xénero", pois advertiu que "non é algo ocasional ou illado, senón o resultado do arraigamento dun machismo cultural e estrutural de moitos anos".
Así, subliñou que cando os procedementos chegan ao ámbito xudicial o dano irreparable ás vítimas xa está inflixido, polo que incidiu en que a sociedade non se pode conformar "con que a única solución sexa a resposta xudicial".
"Nada do que podamos facer vai devolver á vítima ao momento anterior á agresión, pero si podemos acompañala no proceso xudicial. Por iso, é necesario ser moi sensible nestas situacións e actuar de tal maneira que, garantindo os dereitos de todas as partes, minimicemos a dor das vítimas", sinalou.
O presidente do TSXG tamén manifestou que, aínda que as medidas punitivas son "necesarias", a sociedade debe aspirar "a que estes feitos non se produzan", á vez que avogou pola educación como base da transformación social.
LEI 'SÓ SI É SI'
Ata o 26 de maio de 2023, en Galicia ditáronse 114 resolucións (autos e sentenzas) relativas a revisións de condenas por delitos sexuais tras a entrada en vigor da nova Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, a coñecida como lei do 'só si é si.
En 55 dos casos os tribunais decretaron a rebaixa das penas impostas, mentres que nos 59 restantes rexeitaron a revisión, é dicir, mantivéronas.
Na provincia de Pontevedra, revisáronse 31 casos e en 18 acordáronse rebaixas.