Condenados por vender droga no Vao sete integrantes do clan de 'El Vaquilla'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Cunha condena en conformidade para os sete procesados hase resolvido este venres na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra un xuízo contra outro clan, o liderado por 'El Vaquilla', no poboado chabolista do Vao.
Segundo a investigación levada a cabo pola Garda Civil, o grupo de 'El Vaquilla' ocupouse da venda de cocaína e heroína despois de que fosen desmantelados os clans que ata entón traficaban no Vao.
En virtude do acordado pola Fiscalía e os avogados da defensa, os acusados confesáronse autores dos delitos contra a saúde e de pertenza a grupo criminal.
Así o tribunal dita unha sentenza condenatoria de tres anos e nove meses de cárcere para 'El Vaquilla', de tres anos e medio de prisión para outros cinco acusados e de dous anos para unha muller considerada cómplice. A todos impuxéronselles multas de 500 euros.
Será na ejecutoria cando as maxistradas da Sección Cuarta determinen se os procesados deben ou non ingresar en prisión en función das circunstancias de cada un deles.
Este acordo de conformidade supuxo a rebaixa das penas que inicialmente solicitaba o fiscal Antidroga, Pablo Varela, que continuará exercendo esta función ata que o Consello de Ministros aprobe a proposta de nomeamento como fiscal xefe.