O 'multamóbil' atrásase ata a primeira quincena de febreiro
Por Natalia Puga
O vehículo de control de estacionamento 'multamóbil' ou, como prefire denominalo o Goberno Local, o 'ollomóbil', atrasarase. O 30 de decembro a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, anunciaba que en quince días estaría operativo, o que significa que este mércores 15 de xaneiro debería estar operativo, pero a mesma edil sinalou que non percorrerá as rúas de Pontevedra ata a primeira quincena de febreiro.
O prazo comunicoullo ao Concello a empresa que subministra o vehículo, pero Da Silva non quixo dar unha data concreta. Só indicou que será na primeira quincena do mes próximo e que o día fixo en que entre en funcionamento "avisarase con tempo suficiente".
A edil de Seguridade Cidadá realizou estas declaracións este mércores durante a presentación dun avance da memoria da Policía Local no ano 2013 e sinalou que dende o seu departamento confían en que este vehículo "sirva para mellorar a seguranza" en Pontevedra.
O 'multamobil' é un vehículo policial rotulado que incorpora cámaras que permiten ler a matrícula dos vehículos mal estacionados, tomar imaxes e tramitar de forma electrónica o expediente sancionador correspondente e o Concello confía no efecto disuasorio que terá nos condutores para que non cometan infraccións, fronte ás críticas da oposición do grupo municipal do PP, que sinala que ten fins recadatorios. Da Silva sinalou que no ano 2013 a Policía Local impuxo unha media de 37 sancións diarias.