"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Eu sei que para min non vai chegar a tempo pero quero crear este precedente para que non lle ocorra a ningunha outra nai".
Quen fala é Ruth Abonjo, a piques de cumprir a semana 34 de xestación e que calcula que dará a luz no próximo mes de xullo. Despois dun primeiro parto fai tres anos por cesárea no Hospital de Xetafe (Madrid) que "se respectou e humanizou", nunha consulta de seguimento deste segundo embarazo coa matrona, esta nai pontevedresa decatouse de que nos casos de embarazo xemelar como o seu o Hospital Provincial de Pontevedra non respectaba o dereito de toda embarazada a estar acompañada durante o proceso do parto pola persoa da súa elección. Dereito que se recolle na propia web do Servizo Galego de Saúde (Sergas): "Durante o proceso do parto a muller pode estar acompañada da persoa que desexe. Se as circunstancias clínicas non o fixesen aconsellable, o centro explicaralle os motivos de forma comprensible", indica o Sergas.
Ruth Abonjo foi recompilando diferentes estudos e guías clínicas para apoiar a súa reclamación, como a 'Guía de Práctica Clínica sobre la Atención al Parto Normal' editada polo Ministerio de Sanidade, en cuxas páxinas se apoian en estudos científicos para concluír que "se recomenda facilitar o acompañamento da muller durante o parto pola persoa da súa elección".
Esta documentación achéganola cando nos citamos con ela ás portas do Hospital Provincial. Non vén soa. Dúas compañeiras, tamén embarazadas, quixeron acompañala para mostrar que o seu caso non é illado e que non só ocorre no Provincial de Pontevedra, senón en varios hospitais galegos, entre eles o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o centro de referencia de Laura Mallón, embarazada igualmente de xemelgos.
"Tamén foi a miña matrona do centro de saúde a que me dixo que se todo vai ben, dilatas correctamente e tes un parto vaxinal, non vas ter unha habitación íntima como as que teñen todas as mamás que dan a luz no Cunqueiro. Como é un parto xemelar, no momento en que estés dilatada, aínda que todo vaia ben, pásanche a un quirófano onde xa non tes a posibilidade de ter outra postura, que é moi incómoda, e non permiten que entre a túa parella", relata Laura, facendo un paralelismo entre o hospital público de Vigo e o de Pontevedra.
Para Laura, Ruth e Paloma Oliveira, a terceira protagonista desta historia, é o seu segundo embarazo. As tres deron a luz ao seu primeiro vástago en plena pandemia e as tres desfanse en eloxios para o equipo médico que as atendeu. Por iso, non entenden que no seu próximo parto as cousas vaian ser tan distintas.
O de Paloma Oliveira non é un embarazo xemelar. Únese ás reivindicacións das súas compañeiras porque tamén descubriu que, no caso de que lle teñan que practicar unha cesárea, non poderá ter o acompañamento da súa parella. "Teño unha experiencia da primeira filla moi boa no Hospital Provincial, acompañada da miña parella. Pensar en non ter a el nese momento, preocúpame".
Paloma reside en Ponte Caldelas e o seu hospital de referencia é o Provincial. Tras entrar en contacto a través da plataforma Loita con Laura e Ruth, coñeceu que no Hospital Provincial de Pontevedra, ademais de non poder estar acompañada da súa parella no suposto de cesárea, tampouco durante o tempo de reanimación podería estar co seu bebé, en contra do documento do Plan de Parto que facilita o propio hospital (reproducido nas fotografías que acompañan a esta noticia) e que indica que: "O contacto pel con pel inmediato e ininterrompido tras o parto é unha práctica beneficiosa e recomendable para o bebé e a nai".
SEN DEREITO A PARTO ACOMPAÑADO
Estes testemuños xorden por mor de que Ruth Abonjo fixese público o seu caso nun escrito enviado a PontevedraViva.
Denuncia a discriminación durante o parto das embarazadas xemelares con respecto ás mulleres con xestación única e a vulneración de dereitos nos partos con cesárea en todos os casos, tanto xestantes únicas como xemelares.
"Por lei, o Plan de Parto lévao a embarazada e tense que respectar. Pero ás embarazadas xemelares, para que nos serve un plan de parto que non se vai a respectar? As embarazadas de xestacións únicas están acompañadas en todo momento durante o expulsivo, pero ás xemelares négasenos ese dereito", laméntase Ruth.
Leva pelexando para que se respecte o seu dereito os últimos meses, nos que presentou reclamacións aos servizos de Xinecoloxía, Reanimación e Pediatría, "porque son os profesionais médicos que van estar no meu parto". Tanto Pediatría como Xinecoloxía déronlle a razón, pero sen efecto na práctica. Destaca a resposta do servizo de Xinecoloxía que admitía ser consciente da necesidade de actualizar o protocolo e que actualmente se estaba tentando chegar a un consenso no que se necesitaba que todos os servizos implicados estivesen de acordo. Pero recoñecía que o quirófano é un sitio pequeno onde os medios arquitectónicos non permiten ese acompañamento.
Un punto no que Ruth difire. Máis aínda tras reunirse coa xefa de Reanimación, á que lle presentou documentación e unha listaxe de hospitais que si respectan este tipo de partos. A súa resposta foi que eses hospitais eran moi grandes e podían permitir o acompañamento. Ruth indicoulle que o Hospital do Salnés, pertencente á mesma área sanitaria que o de Pontevedra e máis pequeno, tamén tiña prácticas similares, e entón a escusa foi que "no Salnés non teñen tanta carga de traballo como o Hospital Provincial".
A xefa de Reanimación expresoulle que tería en conta a súa petición pero "aínda que foi moi cordial, non me soou a compromiso, convideille a que quedase cos documentos e díxome que fora pola vía oficial". Por iso, Ruth presentou unha nova reclamación "pola vía oficial" da que "non teño resposta, só a xenérica de que lle pasarán a miña reclamación aos profesionais correspondentes".
Neste punto, preguntámoslle a Ruth por que non valorou acudir ao Hospital do Salnés para o seu parto. A resposta é sinxela: "no caso de partos xemelares só temos a opción do Provincial, non nos deixan ir ao Hospital do Salnés porque se considera un parto de alto risco", acláranos.
O CASO DAS CESÁREAS
A segunda reclamación de Ruth refírese aos partos con cesárea, "e nisto non está libre nin unha embarazada xemelar nin unha embarazada de xestacións únicas, é unha discriminación con respecto ás embarazadas que teñen un parto vaxinal".
Ruth incide no ilóxico da separación do bebé e a nai durante horas. "Cando se me traslade á sala de reanimación non se me permite que os bebés vaian comigo. E o dito, tanto xemelares como en embarazos únicos".
De novo, desde o Hospital Provincial explicáronlle que "os medios arquitectónicos non o permiten, nin a carga de traballo, que parece que non hai profesionais para poder levar a cabo isto".
Ruth lembra a súa primeira cesárea no Hospital de Xetafe, onde "a min realizóuseme o pel con pel co meu bebé sen ningún tipo de separación durante o cosido no quirófano e durante a reanimación. Na reanimación, ademais, estaba o meu marido acompañándome, tiña ao meu bebé encima e á miña parella á beira, e tiñamos unha enfermeira que velaba por min e polo meu bebé".
O tema é serio, apunta Ruth, apoiándose novamente en estudos científicos, guías clínicas e a propia bioloxía. "Cientificamente está máis que demostrado e hai un documento da Asociación de Pediatría Española que fala sobre as cesáreas humanizadas: prexuízos de maior probabilidade de sangrado na nai e a non posta en marcha das hormonas necesarias para ese comezo do posparto cando se separa ao bebé da nai. Ademais, esta separación vai repercutir moitísimo na lactación porque non se van a poñer en marcha as hormonas necesarias ao non ter aos meus bebés encima para que o meu peito empece a producir, e os meus bebés vanse ver prexudicados porque necesitan a alimentación, pódense producir hipoglucemias. Neste caso, danlles o biberón de fórmula que complica máis que podamos ter lactación exitosa, recólleno estudos".
REUNIÓN COA XERENCIA DA ÁREA SANITARIA
A casuística que achegan estas tres nais é ampla. Esperan que polo menos con este relato poidan chegar a outras mulleres embarazadas para que teñan toda a información e non se vexan sorprendidas no momento do parto cunhas prácticas onde non se respecta o Plan de Parto que está incorporado no seu historial e que previamente asinaron. As tres insisten en que "cando estás de parto apenas podes tomar decisións porque estás moi vulnerable e o único que queres é que saia todo ben, por iso cóbrese moito antes o Plan de Parto".
A través de mensaxes privadas, con nome e apelidos pero cuxas identidades non queren que transcendan, saben de moitas nais con trastorno de estrés postraumático debido á denominada "violencia obstétrica", considerada unha discriminación de xénero e unha violación dos dereitos humanos pola que España foi advertida en varias ocasións polas Nacións Unidas.
A todas aquelas mulleres que se vexan na súa mesma situación, anímanas a unirse á plataforma Loita, creada inicialmente para protexer os dereitos dos menores para estar acompañados nos seus tratamentos médicos pero que se estendeu a todas as nais que ven en situación de desprotección ao reclamar que se respecten os seus dereitos durante o parto.
Este luns 19 de xuño están citadas con José Flores, o xerente da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, para transmitirlle as súas demandas. Nesta reunión estará Tamara Campos, a creadora da plataforma Loita, que xa supera as 600 integrantes e que coñecemos cando conseguiu que se cambiase o protocolo para que os menores puidesen estar acompañados durante as sesións de fisioterapia no servizo de Atención Temperá.
Xunto a Tamara estará Ruth Abonjo, xa na recta final do seu embarazo, para loitar por un cambio nas prácticas durante os partos xemelares e cesáreas no Hospital Provincial coa esperanza de que o servizo de Reanimación, o único que pon impedimentos, se coordine con Xinecoloxía e Pediatría para que se respecte o seu dereito a un parto acompañado e a que non se separe á nai dos seus bebés.
Relacionadas:
-
Convocan unha xuntanza en Monte Porreiro para reclamar máis pediatras en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Plataforma Loita mantén un encontro con Lores para expoñer a situación dos nacementos por cesárea e a atención temperá no Provincial
Por Anxo Lourido |
-
As "demandas totalmente asumibles" da plataforma Loita obteñen o apoio de Soutomaior
Por Redacción |
-
A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita |
-
'Loita' busca apoios nas alcaldías para que os partos respectados no Hospital Provincial deixen de ser "unha lotería"
Por María José Pita |
-
Ruth Abonjo logra ter un "parto xemelar respectado" no Hospital Provincial tras unha longa loita
Por María José Pita |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Área Sanitaria acolleu a reunión do Consello Asesor de Pacientes composto por 24 asociacións
Por Redacción |
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Vitoria agridoce: déixanlle entrar a fisioterapia co seu bebé ao tempo que lle denegan o acceso a outra nai
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Anulada a cita media hora antes, un novo capítulo para a nai que reclama acompañar o seu bebé na sesión de fisioterapia
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Torrente de reaccións á denuncia dunha nai por non permitirlle acompañar o seu bebé nunha sesión de fisioterapia
Por María José Pita |