Os doces (e a barba) do reposteiro de Belas Artes non gustan no programa de Cuatro
Por Redacción
Vista é non vista. Así foi a incursión do pontevedrés Daniel Diéguez no programa de Cuatro Deja sitio para el postre. O rapaz, investigador da Universidade de Vigo, graduado en Belas Artes e máster en Arte Contemporánea, converteuse este martes no primeiro expulsado deste concurso gastronómico, entre outras razóns, por non ter afeitado a barba.
O xurado integrado polos reposteiros Sergi Vela, David Pallás e Amanda Laponte (o mesmo que o seleccionara como concursante) deu por concluída a súa participación neste espazo, tras unha proba técnica na que se mediu a outra concursante pola última praza vacante para continuar no programa.
Despois de que as súas sobremesas non foran seleccionadas por un grupo de críticos gastronómicos nunha primeira fase, ambos se mediron nun 'cara a cara' no que tiñan que elaborar un macarón (pastel tradicional francés) seguindo as indicacións do reposteiro Paco Torreblanca.
A proposta presentada por Diéguez foi defendida polo xefe do equipo do que formaba parte o universitario, David Pallás, que destacou a súa paixón e creatividade. Mais o pontevedrés non convenceu a Vela, quen o tildou de "bohemio" e criticou que non se tivese afeitado a barba, como lle suxerira no cásting. Así pois, resultou decisivo o voto de Amanda Laponte, a quen tampouco convenceu o doce preparado por Diéguez nesta decisiva proba.
Da expulsión fíxose eco o Diario da Universidade de Vigo, que recolle que a capacidade para aplicar a súa formación artística á creación de sobremesas permitiu a Daniel Diéguez ser seleccionado entre preto de 3.000 persoas para entrar a formar parte do elenco de 18 participantes que competían no programa por ser recoñecidos como o mellor reposteiro amateur de España. "Hai anos sentín a capacidade de crear cousas que desaparecesen", afirmou Diéguez cando se presentou en patíns ao cásting do programa.
Á súa entrada ao programa televisivo, Diéguez explicaba que foi mentres realizaba o seu traballo de fin de grao cando prendeu nel o interese pola repostería como un campo no que poder dar saída a súa creatividade e aplicar o aprendido en Belas Artes á creación de obras comestibles. De feito "arte en doces personalizados" é o lema de Fogar 12 Fogar, unha das iniciativas desenvolvidas na incubadora empresarial da Universidade gañadoras da segunda edición dos premios INCUVI-Emprende. A súa idea con este proxecto, explicaba entón, era a de levar a súa formación a "algo máis inmediato, que a xente poida demandar nestes tempos tan complicados, entendendo que hoxe en día o consumidor está orientado cara un produto relacionado co ocio".
O DUVI recolle que semella que a este integrante do grupo de investigación PE4 'Fondo de arte e cultura contemporánea' da Facultade de Belas Artes, que actualmente está a preparar a súa tese de doutoramento, non lle preocupa demasiado que as súas creacións perduren no tempo. ÿ máis, o ano pasado Diéguez sacou a poxa a través das redes sociais boa parte da súa produción artística non efémera ao simbólico prezo inicial de 10 euros.